A Consellería do Medio Rural decidiu separar a planificación e ordenación forestal da loita contra incendios. Esta última seguirá sendo dirixida polo ata agora director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, que a partir de agora é director xeral de Defensa do Monte; en tanto a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal estará a cargo de José Luis Chan.
O novo director xeral, José Luis Chan, naceu no 1963 no Carballiño (Ourense) e é un enxeñeiro de montes que traballa no servizo de Montes da Administración galega desde 1987. Desde o 2005 ó 2014 xa fora subdirector xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Montes. Nos últimos tempos, ocupara o posto de xefe de servizo de Montes na provincia da Coruña.
Os cambios no organigrama de Medio Rural son debidos, segundo á Xunta, ás recomendacións da comisión de estudo dos lumes forestais desenvolvida no Parlamento galego, que aconsellou separar a xestión do monte das tarefas de extinción dos lumes.
O novo departamento de Defensa do Monte estruturarase en dúas subdireccións, unha de prevención e outra de extinción. A primeira ocuparase do control da normativa de prevención dos incendios forestais e da coordinación cos Concellos, en tanto a subdirección de extinción contará con dous servizos, un de Programación, adicado á compra, control e despregamento de medios (maquinaria, áreas de vixilancia, puntos de auga, etc.), e outro de Coordinación de medios, que tramitará gastos de extinción e manexo de brigadas propias e municipais, entre outras cuestións.
A outra Dirección Xeral, a de Planificación e Ordenación Forestal, asumirá as competencias de fomento e mellora da produción forestal. Así, abarcará cuestións como a supervisión e control de proxectos de obras, a sanidade vexetal ou os materiais forestais de reproducción.