Medio Rural sancionará tras un lume terreos sen rozar e repoboacións ilegais

A Consellería potenciará en cada distrito brigadas de investigación dos incendios forestais. Ourense acumula o 60% das parroquias de alta actividade incendiaria, 42 dun total de 67 en toda Galicia

Medio Rural sancionará tras un lume terreos sen rozar e repoboacións ilegais

A Consellería sancionará ós propietarios de terreos afectados por lumes que incumprisen as leis.

A lexislación que trata de ordenar os usos do territorio no rural choca con frecuencia coas prácticas que manteñen os propietarios das terras. A teoría das normas especifica con claridade cuestións como as franxas a desbrozar arredor das casas ou os emprazamentos nos que está prohibido repoboar con piñeiros ou eucaliptos, pero outra cousa é o que pasa no campo. Medio Rural quere comezar a cambiar esa despreocupación pola regulación pública do territorio.

Por onde comezar? A Consellería potenciará en cada Distrito Forestal brigadas de investigación dos incendios forestais con dous obxectivos claros. En primeiro lugar, para investigar os terreos queimados coa finalidade de sancionar a aqueles propietarios que tivesen as súas parcelas en condicións que dificultasen a extinción ou que puxesen en risco á poboación. En segundo lugar, para colaborar coas forzas de seguridade na investigación dos lumes e na localización de posibles sospeitosos.

Os controis das brigadas de investigación dos incendios forestais, que terán 2-3 persoas asignadas por Distrito, centraranse en tres cuestións, segundo o borrador do Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2016):

Control do respeto ás distancias entre vivendas ou núcleos rurais e masas forestais. A Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (Lei 3/2007) establece que os primeiros 30 metros deben estar libres de mato e sen piñeiros ou eucaliptos; en tanto que entre os 30 e os 50 metros de distancia, as terras deben estar libres de mato e as árbores ben separadas entre si.

Sanción sobre as repoboacións ilegais, de acordo coa Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012). A normativa prohíbe as repobacións con piñeiros ou eucaliptos en terras agrarias, así como a sustitución de bosques de frondosas por eucaliptos ou piñeiros. Tamén establece as distancias que deben cumprir as masas forestais en relación a vías de comunicación como estradas (10 metros no caso de piñeiros e eucaliptos) ou pistas forestais (4 metros no caso de piñeiros e eucaliptos).

Propiedades en zonas de concentración parcelaria susceptibles de ser declaradas predios en abandono, de acordo coa Lei 6/2011 de mobilidade de terras de Galicia. Incoaranse os correspondentes expedientes sobre as parcelas que non teñan un mínimo laboreo, pastoreo ou control do mato.

Parroquias de alta actividade incendiaria
A Xunta cataloga cada ano as parroquias de alta actividade incendiaria, sobre as que establece unha vixilancia especial. Este ano, a maiores, prevé facer unha análise sobre o uso do territorio nestas parroquias, a fin de identificar os factores que favorecen os lumes. No 2016 clasificáronse 67 parroquias como de alta actividade incendiaria, 11 menos que no 2015.

Os criterios para considerar un lugar como de alta actividade incendiaria son a reiteración de lumes, alomenos 7 nos últimos 5 anos, ou a dimensión dos mesmos, con alomenos 2 incendios superiores ás 200 hectáreas nos últimos 10 anos. Esta campaña houbo 8 parroquias novas que cumpriron eses requisitos (Ver cadro de abaixo) e outras 19 que perderon a condición de alta actividade incendiaria. Pódese consultar neste documento o listado completo de parroquias de alta actividade incendiaria.

Parroquias que entran este ano no listado das de alta actividade incendiaria.

Parroquias que entran este ano no listado das de alta actividade incendiaria.

Ourense continúa a ser a provincia con máis parroquias no listado, con máis do 60%, 42 de 67. Séguenlle Pontevedra, con 14; A Coruña, con 9; e Lugo, con 2.

2 ideas sobre “Medio Rural sancionará tras un lume terreos sen rozar e repoboacións ilegais

  1. Miguel

    Buenos dias .
    Que distancia hay que guardar de una vivienda para plantar un manzano o arbol frutal . Y en caso de un castaño

    Contestar
    • Manuel Mendez Casal

      Si e unha repoblacion forestal as frondosas podense plantar a 15 metros. Si son arboles aislados non se considera unha repoblacion.Estos ultimos non poden ter as polas que pasen o predio dos veciños.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información