Medio Rural reorganiza o control das normas de condicionalidade da PAC

A Consellería crea unha comisión de seguemento que se reunirá alomenos dúas veces ó ano

Medio Rural reorganiza o control das normas de condicionalidade da PAC

Agricultores e gandeiros deben garantir a conservación dos hábitats naturais e agrarios.

Os recentes cambios nas normativas sobre a condicionalidade das axudas da Política Agraria Común (PAC) levaron á Consellería do Medio Rural a reorganizar en Galicia o procedemento de control da condicionalidade. Medio Rural crea ademais unha comisión de seguemento da condicionalidade, que se reunirá alomenos dúas veces ó ano e que estará dirixida polo titular do Fondo Galego de Garantía Agraria (Foggga). A comisión contará con seis membros, tres da Consellería de Medio Rural e tres do Fogga.

A normativa de condicionalidade da PAC trata de garantir que os perceptores das axudas europeas contribúen ó mantemento dos hábitats naturais e agrarios, evitando o deterioro de recursos como a auga e o solo. A correcta utilización de fertilizantes e fitosanitarios, o manexo do gando en condicións de benestar e saúde ou a trazabilidade dos produtos agrarios son algunhas das cuestións polas que velan as normas de condicionalidade. En España, as obrigas especifícanse principalmente no Real Decreto 1078/2014.

Todos os perceptores de axudas da PAC están obrigados ó cumprimento da condicionalidade, se ben aqueles profesionais que estean no Réxime de Pequenos Agricultores quedan exentos das inspeccións na materia. En Galicia, as subdireccións xerais de Medio Rural e o Fogga veñen de establecer o procedemento para coordinarse na realización das inspeccións.

Cuestións coma os elementos mínimos a controlar, a selección dos beneficiarios obxecto da inspección ou a divulgación entre gandeiros e agricultores dos requisitos da condicionalidade son algúns dos aspectos que regula o decreto 107/2015, recén publicado pola Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información