Medio Rural recuperará 90 hectáreas de terra agraria no concello de Cerdedo-Cotobade

Medio Rural recuperará 90 hectáreas de terra agraria no concello de Cerdedo-Cotobade

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou este sábado a aldea modelo de Mouteira-Parada, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, para supervisar os traballos de limpeza que se están executando. Alí, destacou que neste municipio recuperaranse preto de 90 hectáreas de terras agrarias a través de dita aldea modelo e do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así, a aldea modelo de Mouteira-Parada vén de ser declarada de utilidade pública e interese social, o que permitirá axilizar a posta en valor das 17,97 hectáreas que ten este lugar. En concreto, dita aldea abrangue un total de 427 parcelas e 109 titulares. O seguinte paso á limpeza das terras que rodean esta aldea será aprobar o seu proxecto de ordenación produtiva, no que se delimitará -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.

Neste senso, o conselleiro sinalou que, finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas á aldea modelo, aínda que todo apunta a que os usos das parcelas pasarán pola explotación da gando.

Posteriormente, o conselleiro e a directora xeral visitaron a zona do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, onde está previsto recuperar 68 hectáreas en 1.534 parcelas. Dito polígono xa ten o acordo de inicio asinado e en breve publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Axudas proxectos en aldeas modelo

Durante a súa visita, o conselleiro destacou que se veñen de resolver as axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo -e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria-, as cales permitirán desenvolver 28 proxectos nun total de 14 concellos, por un importe de case 1,1 millóns de euros. Precisamente o concello de Cerdedo-Cotobade é un dos beneficiarios destas achegas para executar -por importe de case 39.000 euros- un proxecto de mellora do espazo e das infraestruturas públicas dentro da aldea modelo de Mouteira-Parada.

Así, José González sinalou que estas achegas -que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia- teñen como obxectivo mellorar a prestación de servizos básicos locais que contribúan a consolidar os instrumentos de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de potenciar a actividade económica e social naquelas áreas territoriais delimitadas polo perímetro das aldeas modelo declaradas.

Neste senso, José González destacou que grazas a esta liña de achegas, propiciarase a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a posta en marcha e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas que se localicen nesas áreas rurais.

Desta forma, entre os proxectos aprobados figuran a mellora das redes de alumeado público; a humanización e a rehabilitación de espazos públicos como prazas, paseos e rúas; ou a pavimentación de vías públicas municipais. Tamén se contempla a rehabilitación de elementos patrimoniais tales como fontes, lavadoiros, muíños ou hórreos; a implantación e mellora de servizos asistenciais para a infancia ou os maiores; a dotación ou mellora de servizos culturais ou a dixitalización de núcleos rurais, entre outras accións.

Por último, cabe destacar que en Galicia hai actualmente un total de 19 aldeas modelo declaradas para recuperar preto de 525 hectáreas distribuídas en case 8.600 predios de preto de 2.200 titulares, co obxecto de xerar actividade económica que contribúa a fixar poboación e a avanzar na anticipación aos incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información