Medio Rural publica a convocatoria de prazas de residencia e comedor nos seus centros de formación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a oferta, os requisitos, a forma, o lugar e o prazo para a presentación de solicitudes

Medio Rural publica a convocatoria de prazas de residencia e comedor nos seus centros de formación

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos seus centros de formación e experimentación agraria (CFEA) e se convocan para o curso académico 2025-2026. A oferta total de prazas en réxime de pensión completa é de 85, mentres que as de comedor son 156 en conxunto.

Na resolución explícanse os requisitos para ser adxudicatario dalgunha destas prazas, entre as que figuran os de ter feitos os 16 anos de idade no ano de publicación da convocatoria e estar matriculado en calquera dos CFEA adscritos á Axencia Galega da Calidade Alimentaria nun ciclo de formación profesional durante o curso escolar.

Ademais, na publicación do DOG especifícase a forma, o lugar e o prazo para a presentación de solicitudes. Así, as persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia, conservarana para o seguinte dun ciclo formativo, logo da presentación da correspondente solicitude e sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o curso e non sexan repetidoras deste.

As solicitudes para a renovación de praza do alumnado escolarizado durante o curso 2024/25 e as peticións de novo ingreso presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado MR207A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e dentro do prazo establecido, que abrangue dende o 15 ata o 31 de xullo de 2025. Cómpre lembrar que, para o curso académico 2025/20026, a Consellería do Medio Rural ofrecerá un total de 406 prazas de novo ingreso nos seus seis centros de formación, o que supón un incremento do 11 % da oferta con respecto ao exercicio anterior.

Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250714/AnuncioG0528-240625-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información