En Friol estase desenvolvendo desde o 2020 un proxecto piloto de permuta de terras que agora a Consellería do Medio Rural quere extender a máis comarcas galegas. En concreto, para este ano espéranse novos proxectos piloto de permutas en Lugo, Ordes e Deza / Tabeirós – Montes (Pontevedra Norte), en colaboración cos correspondentes Grupos de Desenvolvemento Rural que actúan nesas áreas.
O obxectivo é traballar en zonas onde as propiedades están ben identificadas e que presentan suficientes viais de servizo das terras agrarias. As novas tres áreas piloto para traballar con permutas agrarias foron anunciadas esta semana no Parlamento polo deputado popular José Antonio Armada, que propuxo instar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a abrir unha liña de axudas para cubrir os gastos notariais e rexistrais dos propietarios que participen nas permutas.
A proposta do grupo popular foi aprobada por unanimidade, co apoio do Bng e do grupo socialista, se ben por parte do BNG, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ cuestionou a suposta falta de xestión da Xunta na reestruturación das terras agrarias. “En permutas só temos o caso de Friol, que foi unha iniciativa concreta dun alcalde, canso de ver que os outros sistemas non funcionaban” -opinou ‘Mini’-. “Das concentracións parcelarias, mellor non falemos, porque quero lembrar que en decembro do 2022, a Xunta rematou unha concentración que se iniciara no ano 1967”.
Polígonos agroforestais
En canto á Lei de Recuperación das Terras Agrarias, ‘Mini’ interesouse polo polígono agroforestal de 3.400 hectáreas que se comezou a tramitar no concello de Curtis (A Coruña).
“Cantos anos tardarán en poñelo en marcha?” -preguntouse-. “É un proxecto dunha dimensión moi interesante, suficiente para poñer terra a disposición das explotacións do concello e tamén podería haber sitio para proxectos innovadores de neo-rurais. O problema que temos en Galicia é que cada vez pechan máis explotacións e as poucas que quedan engordan en terras, pero precisamos tamén máis explotacións, porque é o que mantén xente no campo e o que trae servizos”, valorou.
Sobre as iniciativas de polígonos agroforestais en marcha, ‘Mini’ advertiu de que lle preocupa a “intención política”. “Sería un problema que 2 ou 3 empresas se fagan con moita propiedade e fagan o seu agosto. Á beira dun dos polígonos agroforestais en proxecto, a adega Vega Sicilia xa estivo mercando terras”, cuestionou ‘Mini’.