
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, expuxo as medidas que se van desenvolver este ano dentro do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga). Fíxoo na xuntanza ordinaria do Consello Forestal Galego, que tivo lugar en Boqueixón.
A principal novidade consiste en que este ano se ampliará a rede de videovixilancia con 241 cámaras en 111 puntos, un 30 % máis que o ano pasado. Ademais, incorpórase intelixencia artificial ao sistema interno de xestión, “o que permitirá a detección automática e inmediata de fume e focos iniciais”.
Gómez informou de que se vai dispor de tres novos drons de última xeración que actuarán, principalmente, naquelas zonas de difícil acceso ou nas que non sexa posible cubrir co sistema de videovixilancia. Para favorecer a colaboración cidadá, estase a desenvolver unha nova aplicación móbil a través da cal se poderá alertar sobre incendios forestais. Prevese que esta app estea operativa no mes de xullo e será unha canle complementaria ao 085.
Dentro do plan de prevención que se inclúe no Pladiga, está previsto levar a cabo traballos en máis de 33.800 hectáreas, un 70 % máis con respecto ao 2025. Este tipo de actuacións consisten na creación de áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista ou tratamentos silvícolas, a maiores das axudas a comunidades de montes e concellos para realizar tarefas preventivas.
Respecto dos medios técnicos e humanos, incorporaranse 42 novas brigadas de catro compoñentes para reforzar o dispositivo durante a campaña de alto risco. Ademais, increméntase a cifra de medios áereos coa contratación de dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado.
As novidades complementaranse coa formación do persoal, tendo o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén como referente, e coa investigación, mediante o labor que desenvolve a Unidade de Investigación de Incendios Forestais. Gómez sinalou que “o Pladiga é un documento vivo que se actualiza anualmente, pero está sempre vixente”.
Papel residual do Consello Forestal
No transcurso da xuntanza, algúns representantes de colectivos que forman parte do Consello Forestal amosaron a súa disconformidade co feito de que tanto en 2024 como en 2025 só se convocou unha das dúas sesións ordinarias que contempla o regulamento do Consello. Agardan que esa situación non se repita este ano.
Asimesmo, expresaron o seu descontento polo feito de que o documento do Pladiga se presentou con só 48 horas de antelación respecto da xuntanza. Un prazo, entenden, insuficiente para analizar o texto en profundidade e poder presentar enmendas ou suxerencias de mellora.
Galego









Control OJD