Medio Rural presenta a liña de financiamento de avais para reestruturar a débeda das explotacións gandeiras

Os interesados disporán de prazo ata o vindeiro 20 de setembro para solicitar estas axudas, que se canalizarán a través da Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA)

Medio Rural presenta a liña de financiamento de avais para reestruturar a débeda das explotacións gandeiras

Reunión de hoxe en Santiago

Os agricultores e gandeiros galegos en dificultades económicas poderán beneficiarse da nova liña de financiamento de avais para reestruturar a súa débeda. Terán de prazo ata o vindeiro 20 de setembro para solicitar estas axudas, que se canalizarán a través da Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA).

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou este mediodía nunha xornada explicativa sobre estas subvencións, das que poderán beneficiarse os titulares das explotacións, tanto as de leite como as doutros sectores, caso do porcino, o cunícola ou o apícola. A Xunta convocou esta xuntanza para dar a coñecer os detalles desta convocatoria aos representantes de entidades financeiras, cooperativas e organizacións profesionais agrarias galegas.

As axudas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) teñen por obxecto contribuír a paliar as dificultades no acceso ao crédito das explotacións e en particular mellorar a súa situación financeira, diante das desfavorables condicións do mercado.

En concreto, financiarase ata o 100% do custe dos avais concedidos pola SAECA a explotacións de calquera sector para novos préstamos de ata 5 anos, coa posibilidade dun ano de carencia, e 40.000 euros por beneficiario. Este importe poderá acadar os 80.000 euros por beneficiario para créditos de 10 anos, tamén con un de carencia, nas explotacións lácteas, hortofroitícolas, de porcino e cunícolas, cando o crédito estea destinado maioritariamente a amortizar outros créditos en vigor (reestruturación da débeda). O volume máximo de avais será de 78,5 millóns de euros ampliables a 100 millóns en función da evolución da liña.

Outras iniciativas

Esta medida complementa outras iniciativas da Xunta a prol do sector gandeiro de leite, como son os 3 millóns de euros aprobados recentemente polo Goberno galego para atender as dificultades financeiras dos titulares destas explotacións, derivadas da situación deste eido produtivo no último ano, e que se convocarán en breve.

Ademais, tamén para axudar ás explotacións con dificultades de liquidez, a Xunta ten subscrito dúas liñas de apoio ao acceso e adecuación do seu financiamento, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca. Van dirixidas ao refinanciamento de pasivos e apoio ao circulante e están abertas ata o 31 de outubro de 2016, cunha dotación orzamentaria de 1,6 millóns de euros: 1,2 para 2016 e 400.000 para 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información