Medio Rural pagará este mes case 3,5 millóns da PAC a uns mil beneficiarios que estaban pendentes de rematar os controis

A Xunta publicará este mesmo mércores, día 5 de marzo, a convocatoria da campaña da PAC para o ano 2025

Screenshot

A Xunta fará efectivo a mediados deste mes de marzo un novo pagamento das axudas da política agraria común (PAC) por importe de preto de 3,5 millóns de euros a arredor de mil beneficiarios, tal e como figura nun informe da Consellería do Medio Rural do que tomou razón hoxe o Consello do Goberno autonómico. Así, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador da PAC adscrito á Consellería do Medio Rural, executará un proceso de pagamento intermedio das liñas de axudas cos importes máis elevados.

Este pagamento realízase pola existencia dun grupo de beneficiarios que non puideron percibir as axudas correspondentes á campaña de 2024 no mes de decembro por non estaren rematados todos os controis preceptivos. Está previsto que os beneficiarios cobren o importe da axuda entre os días 12 e 13 de marzo, cun desembolso total, por parte do Fogga, de 3.493.375,15 euros.

Entre os meses de outubro e decembro do pasado ano o Fogga pagou preto de 160 millóns de euros aos agricultores e gandeiros galegos en concepto de axudas da PAC. O resto dos importes pendentes de transferir ata completar os 220 millóns de euros previstos pagaranse antes do vindeiro 30 de xuño, logo do establecemento por parte do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dos importes unitarios definitivos e de que este organismo autorice o pagamento do 100% das axudas directas.

O Fogga é consciente da existencia dun grupo de beneficiarios que non puideron percibir as axudas no mes de decembro por non estaren rematados todos os controis para o seu caso. Co fin de que estas explotacións non teñan que esperar ao mes de xuño para recibir os pagamentos da PAC que lle corresponden e que en moitos casos son necesarios para a súa viabilidade, considerouse a necesidade de executar o devandito proceso de pagamento intermedio das liñas cos importes máis elevados.

Por último, a Xunta avanza que publicará este mesmo mércores, día 5 de marzo, a convocatoria da campaña da PAC para o ano 2025. Calcúlase que conte cun orzamento de arredor de 224 millóns de euros para beneficiar a uns 23.000 agricultores e gandeiros galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información