Medio Rural organiza un curso sobre agricultura ecolóxica en San Sadurniño

Medio Rural organiza un curso sobre agricultura ecolóxica en San Sadurniño

A Consellería do Medio Rural e o Concello de San Sadurniño volven colaborar este ano para ofrecer varios cursos dirixidos á capacitación ou á mellora das competencias no sector agrogandeiro.

O primeiro curso promovido pola AGACAL -a través da Oficina Agraria Comarcal- estará centrado na agricultura ecolóxica e desenvolverase na Casa da Xuventude os días 27 e 28 de maio, 3, 4 e 11 de xuño. As inscricións hai que facelas obrigatoriamente a través desta ligazón da plataforma de formación de Medio Rural. Antes de anotarse recomendan mirar a explicación sobre como facelo.

Con todo, se alguén ten dúbidas ou problemas para apuntarse, pode contactar co Técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, no 981 490 027. 

O curso ten unha duración total de 29 horas lectivas e concíbese como unha introdución aos aspectos básicos que cómpre ter en conta antes de meterse a producir en ecolóxico.

O programa está repartido en cinco apartados, que tocan a descrición de en que consiste a agricultura ecolóxica e as diferenzas coa convencional, os tipos de cultivos máis habituais, as pragas e sistemas de control de enfermidades, a fertilización e, en último lugar, dúas visitas prácticas á explotación “A horta da avoa María”, en Neda, e á “Horta da Lousa”, en Cerceda.

Os horarios están xa prefixados por Medio Rural, que puxo as sesións nas tardes dos venres de 16:00 a 20:00h e as mañás dos sábados de 9:00 a 13:00h desde o 27 de maio até o 11 de xuño. 

O programa pode consultarse nesta folla informativa, onde se amplían as epígrafes que vai impartir en San Sadurniño persoal do Centro de Formación Agroforestal de Guísamo. Nela tamén se explica como solicitar a inscrición a través da plataforma FOAGRA, algo que haberá que facer como moi tarde o 22 de maio.

No acceso a este curso terán prioridade aquelas persoas titulares de explotacións ou con vinculación co sector primario, ademais da mocidade que queira incorporarse á actividade agrogandeira. As accións formativas están organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol en colaboración co Concello de San Sadurniño e están financiadas nun 75% con Fondos FEADER.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información