A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta mañá a Oficina Rural de Ribadavia, unha das 17 que forman parte da rede de puntos de información postos en marcha polo Goberno galego para asesorar aos damnificados polos incendios forestais. Neste sentido, a titular do departamento salientou que nestes puntos os afectados poderán recibir información sobre as axudas oito liñas de axudas habilitadas por Medio Rural para paliar os danos ocasionados polo lume en explotacións forestais, gandeiras e agrícolas.
A conselleira lembrou que as axudas habilitadas pola Xunta, que conforman un “amplo paquete transversal” con todos os departamentos do Goberno autonómico implicados, convocáronse o pasado sábado e xa se poden solicitar desde este mesmo luns. Sobre as achegas habilitadas por Medio Rural, destacou que son ata oito liñas de axudas que cubrirán o 100 % do investimento e que, nalgúns casos, pode chegar aos 200.000 euros por persoa.
Concretamente, María José Gómez detallou que no caso das explotacións gandeiras e agrícolas disponse de axudas para reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións ou a súa substitución. Tamén se apoiará a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou para as colmeas superviventes nas zonas afectadas. Así mesmo, indemnizarase aos gandeiros e agricultores por perdas na produción e pola morte do gando ou abellas.
Por outra banda, a conselleira sinalou que as explotacións forestais afectadas terán apoios para a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada como pistas forestais, captacións de augas, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros. Financiaranse a reparación de maquinaria e equipamento forestal danado e tamén os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes de xestión pública. Por último, contarase con achegas para plantacións substitutorias.
A maiores destas axudas, a conselleira do Medio Rural quixo poñer en valor que, aínda en plena vaga, garantiuse a subministración inmediata e gratuíta de alimento para os animais das explotacións gandeiras afectadas na provincia de Ourense, unha liña que continúa agora con estas achegas. Desde o seu departamento tamén se puxo a disposición as fincas do Banco de Terras para garantir que as abellas puideran ter alimento.
Convenio coa Deputación de Ourense na loita contra os incendios forestais
María José Gómez trasladouse esta mañá tamén ata a sede da Mancomunidade do Ribeiro, situada no concello de Beade, para poñer en valor o convenio coa Deputación de Ourense posto en marcha no primeiro trimestre deste ano e que consistiu na creación de catro programas piloto que permitiron dotar dun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses en catro mancomunidades ourensás, en concreto as do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín.
O convenio está dotado cun orzamento de 1,3 millóns de euros, a través dos cales se financian os gastos derivados da constitución destas brigadas que están desenvolvendo o seu labor desde o 15 de abril. Neste sentido, a conselleira agradeceu a estes traballadores o labor que realizaron nos incendios rexistrados na provincia de Ourense e valorou positivamente esta colaboración entre administracións para facer fronte aos incendios forestais.
Galego









Control OJD