Medio Rural mellorará os seus sistemas informáticos para a atención ao sector

A Consellería do Medio Rural ven de asinar un convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para deseñar novos sistemas informáticos para mellorar a atención nos eidos da gandaría e a agricultura

Medio Rural mellorará os seus sistemas informáticos para a atención ao sector

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de asinar un convenio coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, polo que se mellorará a atención nos eidos da gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias grazas a unha serie de novos sistemas informáticos deseñados pola Amtega. A este proxecto a Consellería achegará ata un máximo de 80.000 euros divididos en dúas anualidades de 40.000.

En concreto, desenvolverase un novo sistema de información que atenda as necesidades normativas do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras (Sersegal), así como o seu posterior mantemento evolutivo. Habilitaranse servizos de intercambio de datos ou conexión entre a Subdirección Xeral de Gandaría e as asociacións que xestionan razas autóctonas debidamente acreditadas, garantindo os mecanismo de interconexión e actualización de datos.

Novas funcionalidades na Oficina Agraria Virtural

O acordo tamén contempla a incorporación de novas funcionalidades na Oficina Agraria Virtual (OAV) e melloras noutros ámbitos, como no sistema integrado de xestión e control de axudas e noutros programas da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Ángeles Vázquez destacou a importancia destas accións, xa que son moitos os profesionais do agro que recorren a estes servizos para o desenvolvemento das súas actividades. “Forma parte do obxectivo transversal desta Xunta de contar cun rural moderno e competitivo”, declarou, e engadiu que, deste xeito, facilitaranse e axilizaranse moitos trámites. Ademais, esta acción axudará na sustentabilidade pola que está a apostar o Goberno galego a través da dixitalización dos servizos públicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información