Medio Rural levará á Comisión Galega da Competencia os novos contratos do leite

Medio Rural levará á Comisión Galega da Competencia os novos contratos do leite

A Consellería do Medio Rural anuncia que vai revisar todos os contratos entre industria e produtores de leite para certificar que non hai incumprimentos. No caso de detectarse algún incumprimento ou irregularidade, poñeranse en coñecemento da Comisión Galega da Competencia, para que actúe como proceda en cada suposto.

Así o anunciou a Conselleira, María José Gómez, nun acto en Porriño. Gómez enmarcou esta medida no Plan Especial de Control que a Xunta de Galicia está a implementar dende que se comprobou que os contratos lácteos de primavera suporían baixadas -nalgúns casos moi acusadas- para os produtores, e que se estaba a producir a entrada de cisternas con leite procedente doutros países da Unión Europea.

Dentro do Plan Especial, tamén se inclúe o control estricto desas cisternas que chegan dende o estranxeiro para analizar a súa calidade e o prezo ao que entran. Co obxectivo de certificar que non hai competencia desleal. De detectarse algunha práctica de competencia desleal, tamén se poñerá en coñecemento das comisións da competencia de Galicia e de España.

E, aínda que a entrada de cisternas se produza de forma lícita e cumprindo cos requisitos, vaise analizar que os envases nos que vaia ese leite e os seus derivados cumpran con todas as normativas de trazabilidade e identificación de orixe do produto, afirmou Gómez.

Medio Rural anuncia que xa abriu 20 expedientes por presuntas irregularidades desde que iniciou o plan especial de control

A conselleira comunicou tamén que, a raíz da aplicación do Plan Especial de Control, xa hai 20 expedientes abertos nos que se está a traballar “para protexer o sector primario e especialmente os gandeiros produtores de leite neste caso”.

Gómez lembrou que Galicia produce o 42% do leite de España e que o seu departamento considera que a baixada dos prezos nos contratos de abril non está xustificada. “Nós apostamos dende o primeiro momento pola intermediación e o diálogo entre produción, industria, distribución e organizacións agrarias. Pero, lamentablemente, a baixada produciuse igual.”, explicou.

A titular de Medio Rural reclamou tamén unha maior implicación da industria na procura de solucións. “Moitas veces falamos da importancia da remuda xeracional e de apostar pola incorporación da mocidade ao sector agrario. A mellor maneira de conseguir fixar e atraer os novos, ademais da colaboración entre todas as partes, é pagar un prezo xusto polo froito do traballo dos profesionais da gandería”.

Seguen sen comprador para o leite dúas das catro granxas que deixou Reny Picot o 31 de marzo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información