O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai poñer en marcha “unha aplicación móbil para facilitar dar aviso dos conatos e lumes que perciban os cidadáns”. O obxectivo é “que estea dispoñible no mes de xullo, no inicio da campaña de risco”, para complementar á liña tradicional de avisos de lumes, o teléfono gratuíto 085.
A Xunta subliña que esta é unha das principais novidades da actualización deste ano do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que se presentará este próximo venres no Consello Forestal e que incluirá novas medidas “no eido tecnolóxico, de persoal e de recursos”.
A aplicación de móbil permitirá achegar xeolocalización da persoa informante, así como aportar as coordenadas do punto aproximado do lume e a súa situación sobre o mapa físico ou foto aérea. A maiores, ofrecerase tamén a posibilidade de realizar unha fotografía ou vídeo, engadir notas de voz e indicar observacións relevantes. As alertas recibiranse nos centros de coordinación provincial da Xunta.
Videovixilancia con IA para detectar fume
Tamén no ámbito tecnolóxico, este ano ampliarase “nun 30% da rede de videovixilancia” que chegará a un total de 241 cámaras en 111 puntos distribuídos por todo o territorio galego. Aproveitando esta extensa rede despregarase, na aplicación de xestión interna de incendios XeoCode, un sistema de intelixencia artificial (IA) que permitirá a detección automática e inmediata de fume e focos iniciais do incendio.
A IA incorporada alertará de xeito automático tras un filtrado, para posteriormente comprobar o aviso de xeito manual por parte dos técnicos e iniciar o despregamento do operativo.
Outras das melloras tecnolóxicas será a dispoñibilidade de tres drons de vixilancia de última xeración a través dun convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e Abanca a finais de 2025. Estarán localizados nas bases de helicópteros de Vilamaior, en Verín; na do Xurés, en Muíños; e na de Lomba, en Santa Comba.
Novas brigadas e reforzo dos equipos especializados en grandes lumes
En materia de extinción, e concretamente no eido do persoal, a actualización do Pladiga 2026 conta cunha serie de novidades que buscan reforzar o Servizo de Prevención e Defensa contra os incendios forestais (SPIF), segundo a Xunta.
Unha das principais novidades que incluirá a actualización do Pladiga deste ano “é a incorporación de 42 brigadas” de 4 compoñentes (1 xefe de brigada e 3 peóns). Serán brigadas especificamente pensadas para reforzar o dispositivo en tempada de alto risco. Isto suporá un aumento de 168 efectivos.
Hoxe, a maior parte dos 3.000 efectivos traballan ao longo de 12 meses e un terzo fano este ano por primeira vez 9 meses, tras un proceso de mellora continuada no tempo. Unhas melloras que continúan en diferentes aspectos.
Por outra banda, para dar unha mellor resposta ante o novo tipo de incendios rexistrados nos últimos anos e os GIF (grandes incendios forestais), tamén se reforzará a unidade especializada neste tipo de lumes, a Udex (Unidade de Directores de Extinción). Neste sentido, ampliarase o seu número de efectivos dos 6 actuais ata un total de 15, co obxectivo de dispor de equipos multidisciplinares especializados na xestión de incendios de interface urbana forestal.
Máis medios materiais
O dispositivo contará desde este ano con dous novos avións de carga en terra e un avión de coordinación, cuxa autorización de contratación se elevou tamén a este Consello da Xunta. Está previsto investir unha partida de 3,7 millóns de euros na contratación do avión de coordinación para as campañas 2026 a 2029.
Así mesmo, tamén está prevista unha nova licitación dun helicóptero pesado con maior volume de descarga. A maiores, seguirase avanzando na mellora das infraestruturas de loita contra o lume, especialmente nas bases aéreas, mellorando as existentes e construíndo outras novas. Destacan a base de helicópteros de Lalín, xa en construción, e o novo aeródromo de Valga.
A estas medidas súmase o despregamentodos 18 lotes de maquinaria pesada ao longo de todo o territorio galego, así como 16 novos bulldózers, que desenvolverán labores preventivas no monte e que poderían ser mobilizados en caso necesario para tarefas de extinción. En total, disporase de 34 unidades, de gran eficacia nas fases de ataque directo, remate e liquidación do lume, así como no traballo preventivo.
Galego









Control OJD