Medio Rural inviste preto de 2,5 millóns na mellora das plantacións de piñeiro no concello de Cedeira

A conselleira María José Gómez visitou hoxe este municipio, onde se están a levar a cabo traballos para tratar a banda marrón por un importe que supera os 970.000 euros, no monte Capelada e Couce e no da Braxe. O Goberno autonómico está a ofrecer, por segundo ano consecutivo, tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade e ao longo do 2026 actuarase en montes de xestión privada con tratamentos en arredor de 4.000 hectáreas

Publicidade
Conselleira do Medio rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

Conselleira do Medio rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

A Consellería do Medio Rural está a investir preto de 2,5 millóns de euros na realización de tratamentos de enfermidades fúnxicas do piñeiro e repoboación no concello coruñés de Cedeira. Así o avanzou hoxe a titular dese departamento, María José Gómez, nunha visita a terreos forestais deste municipio.

Durante o seu percorrido pola zona, no que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, a conselleira explicou que este orzamento inclúe, por unha banda, actuacións que se están realizando xa nesta localidade para tratar a banda marrón do piñeiro por un importe de algo máis de 970.000 euros. Estes traballos están a executarse no monte Capelada e Couce, de utilidade pública e titularidade do Concello de Cedeira; e no monte da Braxe, terreo patrimonial da comunidade autónoma de Galicia.

Tal e como expuxo a titular de Medio Rural, estes labores consisten na execución de rozas, rareos e podas das masas co obxectivo de mellorar o seu estado sanitario. Os traballos tamén contribúen a reducir a competencia entre individuos e a diminuír a sensibilidade ante o ataque de pragas ou enfermidades. Ademais disto, está a levarse a cabo unha selección xenética de árbores candidatas pola súa resistencia a estas doenzas.

Por outra banda, Gómez sinalou que este orzamento inclúe tamén un futuro investimento de 1,5 millóns para rexenerar 228 hectáreas nestes montes. Á súa vez, este montante forma parte da partida de 2,5 millóns que está a preparar a Consellería para realizar repoboacións con piñeiro bravo e rodais de frondosas, todas especies autóctonas, no Distrito Forestal I – Ferrol, co fin de substituír aquelas masas de piñeiro radiata que son máis susceptibles ás enfermidades fúnxicas. O obxectivo desta iniciativa é re-naturalizar estes montes empregando masas máis resilientes que poidan manterse con rexeneración natural.

Loita contra a banda marrón

María José Gómez destacou que todos estes traballos están enmarcados na aposta do Goberno autonómico pola loita contra a banda marrón do piñeiro, un compromiso que tamén se materializa co apoio a particulares afectados.

Neste contexto, a Consellería do Medio Rural está a ofrecer, por segundo ano consecutivo, tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade. Ao longo do 2026 actuarase en montes de xestión privada con tratamentos en arredor de 4.000 hectáreas; ademais dos labores que se realizarán nos montes de xestión e utilidade pública afectados por esta enfermidade. Xa para rematar, a conselleira avogou pola posta en valor do monte galego dende unha perspectiva económica, social e ambiental, cunha xestión activa e sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información