Medio Rural inviste na creación e mellora de pasteiros en Moaña e Tomiño

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, realizou hoxe unha visita para comprobar o estado destes pasteiros que abranguen unha superficie total de 47,45 hectáreas

BALSEIROS pasteiro tominho pinzasO director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentaria, José Balseiros, comprobou hoxe as tarefas de implantación de dous pasteiros na provincia de Pontevedra, concretamente nos montes veciñais en man común de Meira, no concello de Moaña, e no de Pinzás, en Tomiño. En total, a Consellería do Medio Rural investiu máis de 380.000 euros nestes pasteiros cunha superficie total de 47,45 hectáreas.

A primeira visita do director xeral foi ao pasteiro de Meira, ao que se destinaron algo máis de 180.000 euros para a súa mellora. Neste sentido, leváronse a cabo tarefas de roza, instalouse un peche perimetral de 1.310 metros lineais, colocáronse cinco cancelas, subministráronse tres comedeiros e dous bebedoiros, así como tres galpóns que serven como refuxio para animais. Por último, acometéronse melloras de acceso nunha superficie de 5.200 metros cadrados.

Posteriormente, trasladouse a Tomiño para comprobar o estado do pasteiro de Pinzás, ao que se destinaron máis de 200.000 euros para a súa implantación en 25 hectáreas. A maiores, instalouse un peche perimetral de 3.200 metros lineais, colocáronse seis cancelas, subministráronse cinco comedeiros e dous bebedoiros, así como unha manga de manexo.

O director xeral salientou o investimento realizado para este tipo de iniciativas que favorecen a gandaría en extensivo. Lembrou que a Consellería do Medio Rural destina este ano 3,7 millóns de euros para seguir implantando pasteiros por todo o territorio, dado que facilitan a ampliación de base territorial e ao mesmo tempo contribúen a ser barreira natural contra os incendios forestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información