A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe o concello lucense de Baleira para presentar os detalles da futura reestruturación parcelaria que se implantará na parroquia de Retizós cun investimento previsto de 1,75 millóns de euros. O procedemento abrirase proximamente coa publicación no Diario Oficial de Galicia da declaración de utilidade pública. Na presentación tamén participou o alcalde da localidade, Ángel Martínez-Puga.
Está previsto actuar nunha superficie de máis de 775 hectáreas que actualmente están distribuídas en 1.661 parcelas catastrais que ocupan un total de 755 hectáreas propiedade de 178 titulares. O tamaño medio das parcelas é duns 4.500 metros cadrados, unha superficie que se pretende incrementar mediante o proceso de reestruturación co fin de aumentar a rendibilidade dos predios, aclarou Gómez. Sinalou tamén os importantes beneficios que terá este instrumento para as sete explotacións censadas na parroquia, dedicadas maioritariamente ao vacún de leite, e que verán aumentada a súa base territorial e reducidos os seus custos de produción.
Así mesmo, estas ferramentas contribúen de xeito significativo a paliar o minifundismo na nosa comunidade, poñendo o foco na estrutura da propiedade, e a reducir o abandono de terras produtivas. A titular de Medio Rural aseverou que de cara o 2026 seguirá a apostarse por estes proxectos, no que se inclúe o inicio do desenvolvemento deste de Baleira, cun orzamento de 16,7 millóns de euros, case catro máis con respecto a este.
Lembrou que dende o 2020 se remataron 35 concentracións e que dende 2021 se decretaron 29. De feito, neste 2025 entregáronse os títulos das parcelarias de Xunqueira de Ambía e Oroso, e que se prevé facer entrega doutras zonas en breve.
Galego








Control OJD