
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa intervención no Parlamento. Foto: Cedida
“Os agricultores e gandeiros galegos van poder seguir empregando o xurro ou o esterco como fertilizantes nas súas terras, con toda normalidade, sempre empregando boas prácticas no caso dunha posible declaración de zonas vulnerables por nitratos de fontes agrarias”. Así o afirmou onte martes a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento de Galicia sobre este asunto. Aínda así, lembrou que “aínda se está á espera dos estudos definitivos por parte do Goberno central, que serán os que determinarán se é preciso levar a cabo esta declaración”.
Na súa intervención, a titular de Medio Rural lembrou que, “polo momento, aínda non se declararon estas zonas” e advertiu que, “en todo caso, as explotacións non van ter que adoptar medidas limitantes nin de ningún tipo no vindeiro mes de maio”. Isto é así porque, segundo explicou, “malia que se declaren ditas zonas, unha vez adoptada a medida a propia normativa estatal de aplicación establece un prazo de dous anos para aprobar un plan de actuación ao respecto”.
“Esperaron ata o último momento”
Así respondeu a unha interpelación da deputada do BNG Montse Valcárcel, sobre as políticas que prevé desenvolver a Xunta “ante o impacto económico da declaración de sete comarcas galegas como zonas vulnerables aos nitratos (ZVN)”.
A parlamentaria do Bloque denunciou que a Xunta tiña un prazo “para que as zonas marcadas como afectadas por contaminación difusa se designaran como zonas vulnerables” pero “esperaron ata o último momento”. “Nas analíticas do Ministerio aparece contaminación por nitratos das augas e, sen alarmar, haberá que tomar medidas porque é unha cuestión de saúde pública”, advertiu.
En canto aos plans de actuación, Montse Valcárel criticou a falta de vontade da Consellería do Medio Rural para axilizar a posta de marcha dos plans de actuación nas zonas que está previsto que sexan declaradas como vulnerables a nitratos. “Estamos perdendo un tempo marabilloso”, lamentou.
Nesta liña, Valcárcel cuestionou “que se fixo na Consellería respecto a os nitratos desde abril de 2023”. “Eu diría que nada”, criticou antes de sinalar que nos últimos meses “estes pasos crean alarma” e puxeron a concellos afectados “nunha posición canto menos vulnerable”.
“Se teñen tres anos, por que esperan ata o último momento?”, cuestionou a deputada nacionalista.
“Declararemos esas zonas como vulnerables cando o Ministerio o determine con certeza”
Pola súa parte, María José Gómez adiantou que, cando se aprobe o devandito plan, pasarán a ser obrigatorias determinadas medidas relativas á fertilización agraria e á súa correcta adecuación ás necesidades do terreo e dos cultivos. Nesta liña, a conselleira insistiu en que o seu departamento “ten a obriga de declarar aquelas zonas nas que a contaminación estea causada significativamente por nitratos de orixe agraria”. “Declararemos esas zonas como vulnerables cando o Ministerio o determine con certeza”, remarcou.
Ademais, a conselleira insistiu en que os gandeiros levan anos aplicando medidas orientadas a diminuír a contaminación, como a redución de vertidos de augas, cubrición de balsas de xurros e fosas máis dimensionadas, separadores de sólidos e líquidos ou reutilización de sólidos en camas de gando. Son todas elas, subliñou Gómez, actuacións subvencionables a través dos plans de mellora e do Plan Estratéxico da PAC (Pepac).
Mapas das augas publicados polo Goberno central
María José Gómez explicou tamén que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou, dun xeito provisional, os mapas das augas afectadas por esa contaminación difusa, que son de acceso público. Unha vez publicados estes mapas definitivos e cando estean concluídos os estudos sobre presións agropecuarias, urbanas e outras significativas realizadas pola Administración estatal, tocaralle actuar á Xunta, no caso de Galicia. E puntualizou que “a competencia para declarar zonas vulnerables corresponde á Consellería, se ben a elaboración de mapas coa localización de augas afectadas é responsabilidade do Goberno central”. “Por tanto, e tal e como se trasladou nas reunións informativas co sector agrogandeiro, aínda que non se compartan os criterios do Ministerio, trabállase para dar cumprimento á lexislación”. subliñou.
Neste sentido, recentemente Augas de Galicia remitiu ao devandito Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un escrito no que solicita que se realicen estudos complementarios e correccións nos que está a elaborar o Goberno central antes de declarar zonas vulnerables á contaminación por nitratos.
Considérase ademais que o estudo presentado polo Goberno de España “non conclúe con claridade ata que punto a contaminación está provocada polas actividades agrogandeiras”, por iso o que solicita Augas de Galicia é que o Goberno central, en coordinación coas comunidades autónomas, actualice este estudo, unha obriga que -de acordo co que establece ese real decreto- debe facerse cada catro anos.