Medio Rural iniciará a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro a finais de abril

A Consellería anuncia a solta de 1,6 millóns de unidades do insecto parasitoide da praga, o ‘Torymus sinensis’. Os traballos arrancarán nas zonas costeiras da comunidade e en vales quentes do interior

Medio Rural iniciará a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro a finais de abril

Bugallas da avespiña nun castiñeiro. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural proxecta este ano iniciar a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro na segunda metade de abril. Para elo, adquiriu unha cifra de insectos parasitoides similar ó ano pasado, 1,6 millóns de unidades do ‘Torymus sinensis’. As soltas de Torymus arrancarán nas comarcas costeiras das provincias de Coruña e Pontevedra, así coma en vales quentes de Lugo e Ourense.

O momento da solta depende de cando comezan a medrar as follas dos castiñeiros e, por tanto, as bugallas. Cando haxa un número suficiente de bugallas nun souto, procederase á liberación dos parasitoides. Polo momento, estanse facendo mostreos da situación de brotación dos castiñeiros en toda a comunidade, pois cómpre afinar o momento da solta, xa que se se retrasa máis do debido, a bugalla pode estar endurecida e resultar impenetrable para o insecto parasitoide.

Este ano, a Consellería salienta que conta coa colaboración da IXP Castaña de Galicia e de cooperativas e asociacións de produtores, que lle trasladan información da situación en monte á Administración.

Traballos a ter en conta nos soutos
Para asegurar a supervivencia dos parasitos soltados do ‘Torymus sinensis’, e que se poida asentar a súa poboación, Medio Rural lembra que é moi importante ter en conta algunha recomendación á hora de realizar os traballos nos castiñeiros. Neste senso, non se deben empregar insecticidas nos castiñeiros para a erradicación da avespiña, porque aínda que non entran na bugalla, si que poden afectar aos parasitos naturais da avespa do castiñeiro e mesmo ao propio Torymus.

Tampouco se deben eliminar nunca as bugallas secas, porque é onde permanece o parasito ata a súa emerxencia na seguinte primavera. Finalmente, é preciso evitar as rozas preto dos castiñeiros na primavera, xa que os Torymus aliméntanse do néctar das flores do souto, mentres se aparean e poñen os ovos nas bugallas frescas.

Pola contra, pódense podar os castiñeiros pero non queimar ou eliminar os residuos, xa que o Torymus pode vivir dous anos dentro das bugallas secas, antes de emerxer para parasitar bugallas frescas. Ademais, recoméndase regar durante o verán para prolongar o período de crecemento de gromos novos, así estes quedan fóra do período de posta da avespa. Tamén abonar para incrementar o vigor das árbores e que poidan resistir mellor o ataque da praga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información