A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu este venres o Consello Forestal de Galicia no que, entre outros temas, presentouse a orde pola que se creará a Mesa da Castaña como órgano responsable para o fomento, promoción e mellora deste produto. Deste xeito, poderase comezar coa tramitación para crear esta institución da que formarán parte produtores, operadores, comercializadores, almacenistas, industrias de procesado e viveiristas, ademais de representantes da administración.
A orde presentada ante o Consello Forestal establece que a mesa estará presidida polo titular da dirección xeral competente en materia de montes e composta ademais por un total de 10 vogais, en representación da propia Xunta e dos axentes relacionados coa castaña.
Actualmente, Galicia conta cunha extensa superficie con presenza da especie Castanea sp., ben como especie principal, ocupando o castiñeiro unha superficie de 12.500 hectáreas en masas puras, ou ben como especie secundaria en formacións mixtas (46.455 ha segundo os datos do último Inventario Forestal Nacional). Ao mesmo tempo, a superficie de soutos produtivos de froito ascende aproximadamente a unhas 38.000 hectáreas.
Galicia é hoxe a principal Comunidade Autónoma en produción e exportación de castañas. Os datos de produción da última campaña superaron os 20 millóns de quilogramos, que se traducen en máis de 30 millóns de euros pagos a produtores e que, á súa vez, xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización unha vez transformados (todo isto supera os 100 millóns de euros).
Desde o ano 2009 funciona, ademais, a Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”, un indicativo que ampara as producións de calidade diferenciada que teñen como base este produto forestal. A comercialización da castaña galega divídese do seguinte xeito: 50% en fresco, 40% primeira transformación, 10% segunda transformación. En postos de traballo, estímase que este sector supera os 500 empregos directos e os 800 indirectos, con máis de 230.000 xornadas de recolleita.
Mesa da Madeira
Do mesmo xeito, no Consello Forestal presentouse o proxecto de orde pola que se regulará tamén a organización, funcionamento e composición da Mesa da Madeira. Este órgano nace co obxectivo de converterse no marco estable de dialogo, onde se impliquen todos os axentes do ámbito produtivo forestal e onde se afronten de maneira operativa e técnica as iniciativas e problemas que se presenten.
O obxectivo final é impulsar o sector forestal e valorizar o seu papel á hora desenvolver o rural e fixar poboación a través do emprego. Polo tanto, nela estará representado o sector produtivo forestal: propietarios forestais, empresas e industrias de produtos forestais e empresas de servizos forestais, así como membros da administración autonómica.
Plan Forestal
Respecto ao Plan Forestal de Galicia (PFG), no consello deste venres deuse conta do documento previo no que se expoñen os obxectivos e propostas para a revisión do PFG, onde se reflicten as propostas do grupo de traballo creado ao efecto. Dito documento será remitido pola Consellería do Medio Rural ás corporacións locais afectadas e as corporacións e organismos públicos así como ás empresas públicas prestadoras de servizos que se estime necesario.