Medio Rural informa de 12 novos proxectos industriais lácteos

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, agarda que vexan a luz entre finais do 2015 e 2016

Medio Rural informa de 12 novos proxectos industriais lácteos

O sector industrial está a moverse tras o fin das cotas.

A maioría dos axentes do sector lácteo galego coincide en que unha das principais eivas do leite galego radica na debilidade da estrutura industrial, centrada no envasado en brik e con poucas liñas de produtos de valor engadido (queixos, iogures) ou de produtos industriais exportables (leite en po, manteiga). Tras o fin das cotas e ante a posibilidade dun aumento da produción láctea en Galicia, os proxectos industriais que buscan novas vías para o leite galego semellan multiplicarse. Medio Rural asegurou este venres no Parlamento que tiña 12 novos proxectos industriais lácteos sobre a mesa.

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, que compareceu na comisión de Agricultura do Parlamento, destacou que había proxectos en moitas comarcas leiteiras de Galicia, caso do Deza, Melide ou Terra Cha, pero renunciou a dar máis detalles.

“Son proxectos xa elaborados, con plan económico e plan de traballo. Agardamos que comecen a plasmarse a partir de finais do 2015, pero non podo concretar máis porque non se trata de proxectos definitivos”, destacou Ulloa, quen tamén informou de que a finais de xuño está prevista a aprobación de 30 axudas para investimentos de menor envergadura na industria alimentaria galega con cargo ós fondos Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural).

O grupo socialista inquiriu a Ulloa por un proxecto no que, segundo o deputado Pablo García, participarían a cooperativa Icos, Lasurgal (Melide), Pérez Olveira (Santa Comba) e a queixería Ruta Xacobea (O Pino), e que incluiría a posta en marcha dunha torre de leite en po. García precisou que, segundo os datos dos que dispuña, implicaríase na iniciativa Xesgalicia, entidade de capital risco na que participa a Xunta. Ulloa rexeitou ofrecer detalles sobre o proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información