Medio Rural incrementa este ano nun 15% o orzamento para sanidade vexetal

Medio Rural incrementa este ano nun 15% o orzamento para sanidade vexetal

A conselleira durante a súa visita ao Lafiga

A Consellería do Medio Rural inviste este ano máis de 2 millóns de euros en materia de sanidade vexetal, o que significa un incremento do 15,3% respecto ao ano anterior. Con este orzamento lévanse a cabo traballos para a prevención e a erradicación de pragas que poidan afectar ás producións agrícolas na nosa comunidade. Neste ámbito o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga) xoga un papel fundamental, motivo polo cal a conselleira Ángeles Vázquez visitou este luns as súas instalacións.

“Os técnicos deste centro realizan unha labor importantísima para nós xa que son os que analizan, detectan e combaten as enfermidades vexetais”, declarou a conselleira do Medio Rural e engadiu que este é un “traballo imprescindible para manter a boa saúde do noso agro e, como consecuencia, a calidade dos nosos produtos”.

Durante a súa visita Ángeles Vázquez lembrou que, ademais das actuacións propias, a Xunta ten habilitadas axudas a particulares para compensar aos viveiros e explotacións agrícolas que teñen que destruír plantas ou colleitas debido a unha afección de pragas de corentena. Na convocatoria do ano pasado achegáronse 100.000 euros para os produtores de vexetais afectados por algunha praga, entre elas, a da couza da pataca.

A este respecto a conselleira sinalou que este ano incrementarase o orzamento para facer fronte á destrución de patacas das áreas sinaladas como afectadas por este insecto, así como ás indemnizacións previstas no decreto do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente e que se asumirán nun 50% en colaboración coa administración do Estado.

A través desta orde de axudas, os beneficiarios poden sufragar gastos de destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a vexetais contaminados, substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou os materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento e mesmo medios de transporte que estiveran en contacto con ditos vexetais.

Lafiga

O Laboratorio Agrario atópase en Abegondo e entre as súas misións principais está a de realizar análises oficiais, informativas e ensaios científicos. O Lafiga está capacitado para facer máis de 350 determinacións analíticas, algunhas das cales só se realizan neste centro en toda Galicia. No pasado ano, o Lafiga analizou 10.000 mostras, facendo 80.000 determinacións para aproximadamente 2.000 clientes.

As análises teñen como obxectivo un mellor coñecemento dos produtos agrarios, alimentarios e dos medios de produción, sempre pensando na mellora da calidade e da seguridade alimentarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información