O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou este xoves na presentación do Proxecto Rosca de Sober, impulsado pola Consellería do Medio Rural e centrado na investigación e caracterización deste produto. Durante o acto, o director explicou que esta iniciativa ten como fin recuperar e reivindicar este doce, que é “testemuña viva da identidade dun territorio” e “patrimonio gastronómico”.
O proxecto está baseado en tres eixos principais, que pasan pola documentación e preservación das calidades da rosca de Sober e o desenvolvemento de sistemas de elaboración e de conservación que respecten a súa autenticidade. Por último, exploraranse novos usos culinarios que a proxecten cara á gastronomía contemporánea e á hostalería. Así, Alemparte lembrou que se trata dun produto tradicional elaborado en forno de leña, feito con auga, sal, azucre, fariña, ovos e azafrán.
Neste proxecto está implicado persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería; e da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ademais do propio concello de Sober, rosqueiros e un cociñeiro da localidade.
Para afondar aínda máis na posta en valor deste doce, contribuirase a reforzar a celebración da Feira da Rosca, que en 2026 chegará á súa XXIX edición, que sirve de escaparate para dar a coñecer a súa singularidade, para darlle un novo impulso e que a rosca de Sober sexa coñecida polas novas xeracións.
Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco
Martín Alemparte sinalou que esta colaboración se dá nun contexto de especial importancia para o territorio da Ribeira Sacra, xa que se está a impulsar a súa candidatura como Patrimonio Mundial da Unesco. Neste sentido, a Rosca de Sober, como produto singular e exclusivo da zona, pode favorecer o recoñecemento internacional e contribuír ao desenvolvemento turístico e económico da zona.
Galego





Control OJD