Medio Rural entrega 13.000 plantas de castiñeiro ós viveiros forestais galegos

A Consellería distribúe 12.600 plantas de portaenxerto, procedentes de catro clons distintos, e 473 plantas nai de 17 variedades autóctonas de castiñeiro

Medio Rural entrega 13.000 plantas de castiñeiro ós viveiros forestais galegos

Medio Rural iniciou esta semana a entrega de material vexetal ós viveiros galegos.

Os viveiros galegos están a reforzar a súa oferta de castiñeiro, de cara a atender á crecente demanda para a plantación de castiñeiros de froito. Nesa liña de traballo, a Consellería de Medio Rural comezou a entregarlle material vexetal seleccionado a 16 viveiros forestais da comunidade.

En concreto, Medio Rural distribuirá este ano 12.600 plantas de portaenxerto, procedente de catro clons distintos. Son plantas resistentes á tinta e que se poden enxertar coas variedades autóctonas de castiñeiro que se desexe. A Consellería tamén lle está a entregar ós viveiros 473 plantas nai de 17 variedades autóctonas de castiñeiro, de cara a que teñan dispoñibilidade de material propio para os correspondentes enxertos.

As plantas nai inclúen certificado de calidade sanitaria e foron sometidas a un rigoroso proceso de xenotipado no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, o que permitiu verificar a autenticidade varietal dos castiñeiros autóctonos galegos.

Os directores xerais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, fixeron onte unha primeira entrega de material a un dos viveiros que se beneficiará da iniciativa.

Participaron tamén no acto o presidente da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor), Ignacio Etcheverría Rey, a vicepresidenta da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia, Inmaculada López Muñoz, e o presidente da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García.

O investimento total da Consellería no plan de produción de material vexetal de castiñeiro ascende a 220.474 euros, cunha produción final de plantas de 24.500, correspondendo 17.000 a plantas de portaenxerto de castiñeiro híbrido e 7.500 a plantas nai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información