A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visitou esta mañá en Outeiro de Rei (Lugo) as instalacións de Larsa, unha industria galega propiedade da asturiana Capsa. No acto, a conselleira tivo ocasión de reunirse co presidente do Grupo Central Lechera Asturiana (Clas), Dámaso Alberto Álvarez, e co director xeral de Capsa, José Armando Tellado. A ambos pediulles que Clas lle dea entrada a granxas galegas como socias.
Neste sentido, María José Gómez aproveitou a súa presenza na factoría de Larsa para “reivindicar a necesidade de acortar ese diferencial de prezo que sempre hai entre o leite galego e o leite asturiano” e animou aos responsables de Central Lechera Asturiana a favorecer a entrada de gandeiros galegos como socios de pleno dereito da cooperativa.
“Eses gandeiros asturianos que perciben máis polo seu leite fano porque son socios da cooperativa e eu hoxe quero aquí invitar ao equipo directivo de Larsa a abrir as portas de Central Lechera aos gandeiros galegos. Ese é un reto de futuro pero eu penso que temos que apostar por permitir esa incorporación de gandeiros galegos a Central Lechera, o que vai ter un efecto inmediato de redución dese diferencial de prezo”, defendeu a conselleira.
Capsa recolle e procesa máis da metade do leite en Galicia, onde compra materia prima a 900 granxas, fronte a 800 que ten en Asturias
No 2010 Central Lechera Asturiana abriu momentaneamente a oportunidade de entrada a novos socios, pero a día de hoxe tan só 13 granxas socias están en Galicia (en municipios fronteirizos como Trabada) e 1 en Cantabria, mentres que o resto se atopan en Asturias.
Diferencial de 5 céntimos en litro
O prezo pagado aos gandeiros socios de Central Lechera Asturiana situouse de media en todo o 2023 un 6,59% por enriba do prezo medio de España, manténdose desta forma como a empresa láctea que mellor remunera aos seus socios gandeiros.
En Asturias CAPSA paga neste momento o leite aos socios da cooperativa 5 céntimos máis que aos gandeiros aos que lles recolle materia prima en Galicia grazas a un complemento ao prezo base (situado en 42 céntimos) denominado Reparto de Valor.
A maiores introdúcese un Pago por Trazabilidade que chega a 2,25 céntimos. Para cobralo é necesario cumprir cunha serie de obrigas, entre outras mercar o penso a ASA (a empresa de subministros de Central Lechera Asturiana), e facer uso doutros servizos como os carros mesturadores da ración, os servizos técnicos de nutrición, formar parte da ADSG veterinaria CLAS e do programa de calidade de leite da cooperativa.
As primas por cantidade calcúlanse en función das entregas realizadas na última campaña e van desde 0,5 céntimos a partir de 250.000 litros a 1 céntimo a partir de 500.000 litros ou 1,5 céntimos para as ganderías que entregasen máis dun millón de litros.
Os contratos actuais de Larsa en Galicia son a prezo fixo e van desescalando en función do tamaño da granxa
En Galicia, Larsa sempre mantivera un contrato para a compra do leite con dous prezos (un 70% a prezo fixo e un 30% vinculado ao prezo da manteiga) pero no contrato asinado no mes de abril deste ano pasouse o 100% a prezo fixo, cun prezo base de 42 céntimos que se mantén nos actuais contratos asinados o 1 de agosto.
Ao prezo base habería que sumar a prima de cantidade (ata 4,5 céntimos no caso das ganderías de maior volume), a prima por calidade hixiénico-sanitaria (a super A de Larsa é esixente, de menos de 25.000 xermes e 190.000 células e págase a 1,5 céntimos) e a prima de pastoreo (1,5 céntimos) no caso de granxas en extensivo.
Capsa compensa en Galicia o peche de granxas en Asturias
As orixes da cooperativa Central Lechera Asturiana SAT remóntanse ao ano 1967, cando un grupo de gandeiros asturianos se uniron para comercializar e darlle valor ao leite que producían.
Hoxe, Corporación Alimentaria Peñasanta Sociedad Anónima (CAPSA), o motor industrial e comercial da cooperativa, é a maior industria láctea española. Capsa Food engloba tanto a marca Central Lechera Asturiana como a Larsa, ATO, Vega de Oro, Lácteas Flor de Burgos e Innova Food Ingredientes.
A presenza de Central Lechera Asturiana en Galicia vén de lonxe, pois antes de adquirir Larsa e as súas plantas de Outeiro de Rei e Vilagarcía de Arousa no ano 1997, fora propietaria do 49% de Leyma e tamén dunha queixería na comarca de Ferrol.
Dos 6.500 socios de Central Lechera Asturiana, tan só uns 800 entregan leite na actualidade
A aposta da cooperativa asturiana pola nosa comunidade reforzouse nos últimos anos, a medida que perdía capacidade de subministro de leite na súa rexión de orixe. Central Lechera Asturiana está a sufrir un goteo constante de peche de granxas (entre 8 e 10 ao mes) e prevé para este ano uns 160 abandonos, debido á elevada media de idade dos seus socios.
No 2016 Central Lechera Asturiana tiña 1.300 socios entregando leite; no 2020 eran xa 1.100 e neste momento non chegan aos 800. Segundo os datos facilitados na Asemblea Xeral de socios celebrada o pasado mes de xuño, a cooperativa contaba con 6.594 socios ao peche do exercicio 2023, dos que 825 eran abastecedores.
Entrada en Innolact
Trala saída no ano 2015 da francesa Bongrain do capital de Capsa, a empresa está controlada neste momento por Central Lechera Asturiana SAT nun 81,53%, correspondendo outro 10,9% a Caja Rural de Asturias, un 6,87% a Liberbank e un 0,7% a outros socios minoritarios.
A facturación do Grupo Central Lechera Asturiana SAT, que integra as firmas Capsa, ASA, Aseagro, CLAS Gestión e Biogastur, incrementouse un 8,4% o ano pasado, superando os 1.054 millóns de euros, obtendo un beneficio neto de 26,3 millóns de euros.
Queremos construir xuntos desde Galicia un futuro atractivo, rendible e sostible para o sector lácteo (José Armando Tellado)
Tralo recente desembarco en Innolact da cooperativa asturiana, este mércores desde a planta de Larsa en Outeiro de Rei José Armando Tellado quixo amosar o “firme compromiso de Capsa con Galicia” e polo “crecemento nacional e internacional desde esta comunidade”. “A nosa vontade, como se puido comprobar coa nosa operación recente de incorporación a Innolact é seguir construíndo futuro desde a compra e a transformación da materia prima nesta comunidade. Cremos que o futuro do sector lácteo está na cornisa cantábrica, con especial foco cara Galicia”, recoñeceu.
O último movemento industrial de Central Lechera Asturiana en Galicia a través de Capsa foi a adquisición do 40% da empresa Innolact SL, que produce distintos tipos de queixo de untar en Castro de Rei baixo a marca Quescrem. A empresa, especializada en queixo crema e mascarpone, vén de completar unha importante ampliación das súas instalacións no polígono industrial de Castro Riberas de Lea que lle van permitir duplicar a súa produción, do mesmo xeito que Larsa tamén renovou por completo nos últimos anos a súa planta de Outeiro de Rei, con novas liñas de envasado que lle permitiron facer fronte ao incremento de demanda como consecuencia do acordo con Mercadona para comezar a envasar leite de marca branca Hacendado.
Axudas para a transformación e comercialización
Neste contexto, a conselleira do Medio Rural puxo de relevo as axudas do seu departamento destinadas especificamente á industria agroalimentaria. Estas achegas para o fomento da transformación e a comercialización dos seus produtos beneficiaron dende o ano 2016 un total de 552 proxectos empresariais, que recibiron subvencións por importe global de preto de 172 millóns de euros.
A Xunta publicará este xoves no DOG o nome dos proxectos beneficiarios das axudas para transformación industrial deste ano
Cómpre salientar que unha parte moi destacada dos beneficiarios destas axudas corresponden ao sector leiteiro e, de feito, a resolución das mesmas deste ano, que beneficiarán 62 proxectos, sairá publicada no DOG este mesmo xoves, tal e como adiantou. “Galicia é o futuro do sector lácteo español e temos que gañar valor engadido a través da transformación do leite aquí”, defendeu María José Gómez.

Un momento de la visita a Larsa.
Situación do mercado lácteo
En relación coa situación do mercado lácteo, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, insistiu hoxe na necesidade de manter a estabilidade nos prezos do leite que perciben os gandeiros e volveu chamar a todos os axentes a esforzarse nesta liña de traballo conxunto, que -dixo- repercute de xeito positivo en todo o sector.
Gómez puxo hoxe en valor a aposta das industrias polo leite galego “como produto de extraordinaria calidade”, así como pola transformación do mesmo. Durante a visita a Larsa, a titular de Medio Rural destacou que a posición de liderado nacional de Galicia en produción favorece que a nosa terra sexa lugar de importantes investimentos por parte de destacadas empresas do sector.
Gómez salientou o papel de Larsa como un dos principais primeiros compradores de leite en Galicia, onde traballa con máis de 900 explotacións da comunidade. Nesta liña, a conselleira sinalou ademais o compromiso desta firma pola transformación e por dotar de valor engadido ao leite galego, en liña cos obxectivos da Estratexia de dinamización do sector impulsada pola Xunta en colaboración cos distintos axentes involucrados.
Durante a visita, a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, José Balseiros, e polo alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao.
Qué tristeza de goberno galego.
Em vez de promover un grupo lácteo galego…