Medio Rural empeza a mercar produtos agroalimentarios a través da canle Mercaproximidade

Medio Rural empeza a mercar produtos agroalimentarios a través da canle Mercaproximidade

A Consellería do Medio Rural anuncia que está a mercar produtos agroalimentarios para diversas entidades e comedores sociais sen ánimo de lucro a través da canle Mercaproximidade, co fin de axudar tamén aos pequenos agricultores e gandeiros galegos a darlle saída aos seus produtos, afectados pola caída das vendas a causa do coronavirus.

Desta forma, a Consellería do Medio Rural procedeu a mercar patacas, carne, queixos e mel para repartir esta semana entre o albergue Padre Rubinos, sito na Coruña; a Cociña Económica de Santiago; San Froilán Cáritas, en Lugo; o comedor social de Cáritas de Ourense; o comedor de San Francisco, en Pontevedra; e o comedor social Vida Digna, localizado en Vigo.

Esta medida excepcional impulsada pola Consellería, e publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 14 de abril, contempla tamén apoiar o futuro das explotacións agrícolas e gandeiras de Galicia.

Tras a súa posta en marcha o pasado 15 de abril, a canle de distribución Mercaproximidade xa ten, segundo a Consellería de Medio Rural, máis de 100 produtores interesados en adherirse a esta fórmula de venda, na que xa están integrados os grupos Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -a través dos establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas -a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl e Alcampo.

Non obstante, a iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria.

Para incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación terán que enviar un correo electrónico a mercaproximidade@xunta.gal indicando os seus datos básicos e tipo de produción. A maiores, deberán achegar unha declaración responsable na que conste que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden da hostalaría e os mercados municipais, pechados na actualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información