Medio Rural e a Aula de Produtos Lácteos participan nun proxecto europeo de I+D+i aplicada ao agro

Medio Rural e a Aula de Produtos Lácteos participan nun proxecto europeo de I+D+i aplicada ao agro

Reunión da conselleira co director da Aula de Produtos Lácteos da USC

A Consellería do Medio Rural colaborará coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC para solicitar á Comisión Europea a participación de Galicia nun proxecto comunitario relacionado coa formación e a investigación no eido agroalimentario.

A conselleira Ángeles Vázquez, xunto coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuníronse este venres co director deste organismo, Enrique Arbones, para perfilar os detalles desta cooperación.

O obxectivo é sumar esforzos para acadar a presenza galega na devandita iniciativa, que persegue, en liñas xerais, construír un futuro sistema de ciencia e educación apto para levar á práctica no agro. Trátase de conseguir unha efectiva e útil transferencia da I+D+i nos eidos agrario, gandeiro, forestal e de desenvolvemento rural.

Para iso, identificaranse as carencias e necesidades –tanto desde o punto de vista educativo e docente como investigador e innovador– de todas estas actividades económicas, co fin de deseñar políticas específicas para corrixir e satisfacer as devanditas eivas.

O proxecto contempla o deseño de plans formativos concretos para cada un dos axentes de valor da cadea agroalimentaria, dende os agricultores e gandeiros ata a distribución, pasando pola industria e mesmo os axentes de asesoramento, co obxectivo último de procurar un desenvolvemento sustentable de todo o sector.

A Aula de Produtos Lácteos da USC forma parte dun consorcio que aspira a xestionar esta iniciativa –dotada cuns 8 millóns de euros de presuposto– e no que participan 20 socios de países como Francia, Alemaña, Irlanda, Croacia ou Lituania.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información