
A Consellería do Medio Rural convocará achegas por valor de 8,6 millóns de euros destinadas a
promover a adquisición de maquinaria de baixo consumo con tecnoloxía 4.0 para agricultura de precisión. Estas axudas enmárcanse no paquete de medidas impulsado pola Xunta para axudar ós sectores máis afectados pola guerra en Oriente Medio.
Segundo informan dende Medio Rural. o obxectivo é favorecer a modernización dos equipos das explotacións e fomentar nelas o uso de tecnoloxías que permitan unha utilización máis eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos.
Outro obxectivo que se persegue coas axudas é o de promover a incorporación nas granxas de equipamento máis eficiente enerxeticamente, o que pode contribuir a aumentar a rendibilidade ambiental do sector agrario.
Agárdase que estas accións contribúan a reducir os gases de efecto invernadoiro e que teñan repercusións positivas no tecido agrario galego, que se está a ver afectado pola guerra en Oriente Medio, especialmente por mor do encarecemento dos custos enerxéticos e das disrupcións nas cadeas de subministración.
Está previsto que a convocatoria se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) durante a primeira quincena do mes de maio, e poderán solicitalas os titulares de explotacións agrarias. Tamén poden ser beneficiarias aquelas persoas mozas que se establezan por primeira vez no agro e que conten cun plan empresarial que inclúa actuacións ambientais.
Como exemplos de optimización de recursos vencellados a estas axudas, dende a Consellería citan o caso do “carro mesturador con análise Nir da ración ou o tractor con clasificación enerxética A e robot”. Así como aqueles elementos relacionados coa xestión eficiente de esterco e xurro, e coa aplicación de fertilizantes e produtos fitosanitarios. Ademais, poderanse financiar os compoñentes de agricultura de precisión que sexan necesarios para adaptar os equipos existentes na explotación.
Todas estas achegas están incluídas no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 e están co-financiadas nun 60 % con fondos Feader, nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Xunta de Galicia. O orzamento total está dividido en dúas anualidades, con 5,7 millóns de euros para a de 2026 e 2,9 millóns para a de 2027.
En total está previsto mobilizar 19,4 millóns de euros para o sector primario, un orzamento que inclúe estas achegas. Os 10,8 millóns de euros restantes irán dirixidos á estratexia de promoción agroalimentaria. O fortalecemento das cadeas curtas de comercialización, á valorización do produto local, á rastrexabilidade e á diferenciación dos produtos agroalimentarios galegos nos mercados son os eixes sobre os que pivota a campaña.
Galego









Control OJD