Medio Rural destaca a importancia das razas autóctonas para a sustentabilidade do agro galego

María José Gómez visitou hoxe a explotación Cachenas de Antía, en Outeiro de Rei, que conta con ata 80 cabezas, e salientou o feito de que estea xestionada por unha muller, na xornada internacional dedicada ao colectivo feminino no rural

Outeiro de Rei.A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitará a explotación Cachenas de Antía. En Silvarrei

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a aposta pola sustentabilidade económica, social e ambiental que supón a potenciación das razas autóctonas gandeiras galegas, unha liña de traballo que desenvolve a Xunta en colaboración co sector. Foi nunha visita á explotación Cachenas de Antía, en Outeiro de Rei, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde da localidade, José Pardo.

A conselleira puxo de relevo, neste Día Internacional da Muller Rural, o feito de que esta explotación sexa xestionada por unha muller e que estea centrada no aproveitamento dunha raza autóctona como é a cachena. Remarcou, neste sentido, que reúna unha cabana gandeira de arredor de 80 cabezas, repartidas entre Outeiro de Rei e Navia de Suarna.

Así mesmo, subliñou que o apoio do seu departamento ás razas autóctonas ponse de manifesto mediante diferentes iniciativas, entre as que salientou os convenios de colaboración coas asociacións de criadores, para actuacións de conservación e recuperación, e as axudas á recría de gando bovino e ovino-cabrún ameazado, convocadas este ano por primeira vez. Lembrou que os convenios -asinados entre outras entidades coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga)- representan un esforzo orzamentario de 2,5 millóns de euros ata o 2027 e que as achegas para recría suman outros 390.000 euros.

Gómez explicou que con estas iniciativas procúrase unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; a preservación da diversidade xenética destas razas; a sustentabilidade agrogandeira; a mellora da economía rural a través da calidade dos seus produtos; e a conservación do seu valor cultural e patrimonial. Todo isto, concluíu, desde a consideración das razas autóctonas como un importante factor de desenvolvemento rural e como unha ferramenta extraordinaria de xestión do territorio e mesmo, incluso, como elemento de prevención de incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información