Medio Rural da Deputación de Lugo apoia un proxecto de silvopastoreo para consolidar a revitalización de Vieiros, en Quiroga

Medio Rural da Deputación de Lugo apoia un proxecto de silvopastoreo para consolidar a revitalización de Vieiros, en Quiroga

Mónica Freire e Roi Estévez en Vieiros

Medio Rural da Deputación de Lugo apoia a consolidación da revitalización da aldea de Vieiros, en Quiroga, que está a desenvolver a Asociación Proxecto Vieiros.

A través dun convenio de colaboración, a área dirixida por Mónica Freire, achegará financiamento para as accións previstas pola entidade que reúne a veciños e propietarios dos terreos da aldea do Courel, converténdose así na única administración que está a dar respaldo a esta iniciativa.

Concretamente, o apoio céntrase no impulso da iniciativa “Vieiros con vida” co que queren desenvolver un modelo sustentable de pastoreo que, ademais de xerar un recurso económico para o asentamento da poboación, contribúa á limpeza dos montes e á prevención de incendios. A achega de Medio Rural destinarase á adquisición de animais e elementos básicos para iniciar o proxecto de incorporación á actividade agrogandeira.

“Asesorándonos por persoal técnico, pretendemos incorporar ovellas e cabras que se encargarán, baixo a atenta mirada de dous mastíns e un burro, de coidar e limpar o monte. Os animais son a mellor ferramenta para evitar incendios como os que desaloxaron entre fume e cinzas aos habitantes de O Courel”, explica Roi Estévez, responsable do proxecto e veciño de Vieiros, que apostou pola volta ao rural para habitar esta aldea que quedara despoboada.

A deputada Mónica Freire explicou que “claramente proxectos como o de Vieiros son un exemplo de iniciativas viables, tanto dende un punto de vista social, como ambiental e económico. Son modelo de proxectos consistentes e perdurables no tempo que non precisan de grandes investimentos, pero que son reflexo dun modelo no que o pequeno é grande e que, conxuntamente con outros e no medio prazo, poden contribuír a reverter a situación demográfica do rural e especificamente das zonas de montaña como o Courel”

A responsábel provincial sinalou ademais que “o apoio a esta iniciativa está na liña das accións de prevención de incendios e fomento da gandería extensiva que vimos desenvolvendo durante este mandato, cun marcado carácter social e fundamentadas no factor humano como o principal compoñente de desenvolvemento rural”.

“Medidas como o programa “O que non arde”, e colaboracións con asociación gandeiras e entidades de asesoramento rural que comparten a necesidade de apostar por estes modelos como ferramenta para o desenvolvemento da potencialidade produtiva do rural e fixación de poboación”, concluíu

O convenio de colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo co Proxecto Vieiros ten unha dotación orzamentaria de 8.500 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información