Medio Rural creará en Boqueixón unha parcela escaparate dos produtos agrogandeiros e forestais galegos

A Consellería avanza que a lei de recuperación de terras agrarias se tramitará en novembro e anuncia a creación de oficinas agrarias móbiles en zonas con actividade produtiva. Tamén impulsarán una nova lei para a prevención e extinción de lumes forestais

Medio Rural creará en Boqueixón unha parcela escaparate dos produtos agrogandeiros e forestais galegos

Unha das liñas básicas de actuación céntrase na prevención de lumes forestais.

A Consellería de Medio Rural presentou no Parlamento de Galicia as liñas xerais dos seus orzamentos para o 2020, no que contarán con case 540 millóns de euros, o que supón un incremento de máis do 4,16% con respecto ás cifras deste ano. Durante a súa comparecencia no Parlamento, o conselleiro José González, explicou que as súas actuacións se centrarán na “prevención, a recuperación e a calidade”.

Centrado na aposta pola calidade, González anunciou a creación dunha parcela escaparate no Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, en Boqueixón (A Coruña), na que pretenden promocionar a imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais galegos.

Neste espazo representaranse as razas autóctonas de Galicia, as plantación forestais, así como instalacións de transformación, espazos gastronómicos ou un centro de negocios. Tamén comprometeu fondos para os selos de formación e innovación ou as denominacións de orixe e indicacións xeográficas.

No sector agroindustrial, o conselleiro tamén anunciou unha partida de 17 millóns de euros para axudas, así como outros 4,2 millóns de euros para a mellora de instalacións e comercialización no sector vitivinícola. Neste campo, actualizarase o Rexistro Vitícola de Galicia, para o que estima unha dotación de 916.000 euros.

No ámbito gandeiro, González destacou un incremento do 67% para o programa de mellora xenética do gando frisón e dun 40% para as razas autóctonas. En canto ás axudas para a modernización e diversificación das explotacións, destinarán máis de 87 millóns de euros para financiar plans de mellora, incorporación ou mellora da competitividade, entre outros.

Mobilidade das terras

En canto ás actuacións orientadas á recuperación do rural, dende a Consellería anunciaron a tramitación da nova Lei de recuperación e posta en valor das terras agrarias no próximo mes de novembro. González avanzou que duplicará o orzamento destinado a proxectos de mobilidade de terra ata acadar os 4,5 millóns de euros. Entre outros modelos, inclúense propostas como as chamadas Aldeas modelo, que recaban o apoio de veciños e propietarios para a recuperación das terras abandonadas.

Destinarán 4,5 millóns para proxectos de mobilidade da terra

Neste senso tamén anunciou a creación dunha oficina agraria itinerante, chamada ‘Rural sobre rodas’, para o que destinará 1,2 millóns de euros, e coa que atender as necesidades dos profesionais situados en zonas que non contan con estas oficinas. Este foi, precisamente, un dos puntos máis criticados polo resto dos grupos da oposición, que lle recordaron o desmantelamento das oficinas agrarias comarcais e a falta de persoal destas entidades.

Xunto con estas oficinas móbiles, González tamén anunciou a creación de matadoiros móbiles destinados ó sacrificio de porcos, cabras e ovellas en zonas illadas ou que teñan difícil acceso a outro tipo de matadoiros.

Prevención de incendios

Outra das liñas básicas de actuación céntrase na prevención. Neste senso, o titular de Medio Rural anunciou que están traballando na elaboración dunha nova Lei de prevención de incendios forestais. Este proxecto implicará tanto a profesionais do servizo de extinción de incendios, como do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e dos diferentes sectores do Consello Forestal.

Neste ámbito, González tamén destacou que no 2020 os profesionais de extinción de incendios pasarán a estar operativos 6 meses ó ano, ó tempo que informou dunha dotación de medios para este persoal cun orzamento de 3,4 millóns de euros para renovar equipamento. Neste eido incrementarán a formación e a colaboración cos concellos ata case chegar ós 20 millóns de euros.

Prevén realizar un inventario forestal de Galicia para o que contan cun orzamento de 650.000 euros

Á hora de abordar a prevención, o titular de Medio Rural tamén fixo fincapé na necesidade de contar cunha planificación e ordenación forestal. Anunciou a elaboración dun decreto no que se definan as masas de frondosas autóctonas así como para lograr un monte aproveitado, xestionado e multifuncional polo que neste apartado contarán cun orzamento de 21 millóns de euros.

Entre outras actuacións contemplan a recuperación de masas de frondosas, así como reforestacións en montes de xestión pública, actuacións tras cortas de aproveitamento, así como reforzar a sanidade forestal ou implementar os hortos de semente forestal. Neste senso, González anunciou que tamén asumirán a realización do Inventario Forestal continuo de Galicia no que investirán 650.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información