Medio Rural crea as figuras de paisaxes cortalumes e de áreas estratéxicas de xestión contra incendios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe o anteproxecto da Lei de Loita Integral contra Incendios Forestais

Medio Rural crea as figuras de paisaxes cortalumes e de áreas estratéxicas de xestión contra incendios

Imaxe de arquivo dun incendio en Verín, no 2022. / Fonte: Brif Laza.

A normativa de protección contra incendios actualizarase previsiblemente este ano cunha nova normativa, a Lei de Loita Integral contra Incendios Forestais, que inicia agora o seu proceso de información previa, antes de entrar no Parlamento. A normativa, que se abordou hoxe no Consello da Xunta, substituirá á Lei de Prevención dos Incendios Forestais, aprobada no 2007 e sometida desde entón a numerosos cambios.

A Lei de Loita Integral que se proxecta agora manterá a esencia daquela Lei de Prevención de Incendios, pois segundo anunciou o presidente da Xunta, manteranse as franxas de xestión de biomasa xa definidas: as primarias arredor das vías de comunicación, as secundarias arredor dos núcleos de poboación e as terceiras, aos lados das pistas forestais.

As principais novidades sitúanse no campo dos proxectos de actuación da Administración. Medio Rural creará dúas novas figuras de zonificación do territorio, a efectos de programar a xestión e ordenación de usos. Son as paisaxes cortalumes e as áreas estratéxicas de xestión (contra incendios), que se definirán nos correspondentes plans de prevención por distrito forestal, que substituirán ós actuais plans municipais.

Paisaxes cortalume
O obxectivo declarado das paisaxes cortalume é o de impulsar a actividade agrícola, gandeira e forestal sostible nas zonas onde se detecten máis riscos de lumes, a fin de avanzar cara unha paisaxe mosaico, con discontinuidades nas masas forestais por aproveitamentos agrogandeiros, así como con teselas de diversas especies nas propias masas forestais, combinando aquelas que son máis inflamables coas que presentan unha velocidade máis reducida de avance dos lumes, como as frondosas caducifolias.

Nas paisaxes cortalume, Medio Rural prevé impulsar os polígonos cortalumes, no marco da Lei de
recuperación da terra agraria de Galicia, e as agrupacións forestais de xestión conxunta, especialmente diversificando as masas forestais nas franxas de biomasa arredor dos núcleos de poboación, con emprego de froiteiras e frondosas caducifolias. Tamén se lle quere dar máis peso ó silvopastoreo.

Áreas de xestión
As áreas de xestión, segundo avanzou a Xunta, serán zonas de actuación singularizada no territorio nas que se
optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios.

Outra novidade chegará da man dun mapa dinámico de incendios forestais, no que se zonificará o territorio desde a perspectiva do risco de incendios. Para iso terase en conta a vexetación existente, a recurrencia histórica de lumes e as súas causas.

Por último, a Xunta anuncia a creación dun Consello de Loita contra os Incendios Forestais de Galicia, que será un órgano colexiado consultivo e de asesoramento.

Ausencia de valoracións do sector
Desde as asociacións do sector forestal, non valoraron de momento o anteproxecto da Lei de Loita Integral contra Incendios, xa que aseguraron hoxe que aínda non tiñan o borrador. Está previsto que este anteproxecto se debata o próximo martes no Consello Forestal, pero desde as asociacións do sector pregúntanse como vai ser posible ese debate se aínda non coñecen o texto.

Diversos colectivos forestais xa teñen criticado nos últimos anos o papel do Consello Forestal de Galicia, que de órgano consultivo da Administración pasou máis ben a desempeñar unha función de foro no que a Administración informa das súas decisións e medidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información