A Consellería confirma que se poderá solicitar a PAC ata o 31 de maio

Publicidade
A Consellería confirma que se poderá solicitar a PAC ata o 31 de maio

Ángeles Vázquez durante a visita á Aula de Produtos Lácteos

A Consellería do Medio Rural informa de que esta semana solicitoulle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a ampliación do prazo de presentación de solicitudes da PAC 2016-2017, “a cal foi aceptada ata o vindeiro 31 de maio”.

“Deste xeito, dáse resposta ás demandas do sector, que estaban pedindo unha ampliación deste prazo para que os máis de 33.000 beneficiarios poidan realizala sen problema”, salientan dende a Consellería. Esta nova campaña da PAC 2016-2017 suporá un investimento de fondos europeos no rural galego próximo aos 190 millóns de euros. Estas achegas proceden dos pagamentos directos da PAC (Fondo Europeo de Garantía, FEAGA) e das medidas agroambientais de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Visita á Aula de Produtos Lácteos

Por outra parte, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou este venres en Lugo a importancia da nova Aula de Produtos Lácteos do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de lograr sinerxias a prol deste sector tan estratéxico e importante para Galicia.

Ángeles Vázquez, quen estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou as novas instalacións desta aula, cuxa principal actividade se centra na investigación, desenvolvemento e innovación de produtos lácteos, complementada con outras actividades como a formación, a asistencia técnica a empresas, análises de alimentos e área TIC.

A conselleira destacou a aposta polo I+D+i que está levando a cabo este centro, co fin de converterse nun lugar especializado e fiable para as empresas e entidades do sector lácteo e alimentario que busquen solucións para xerar valor nos procesos empresariais. Para isto conta cunha planta piloto semiindustrial, que se atopa entre as máis completas do país, dotada dunhas instalacións e medios técnicos que permiten reproducir os procesos industriais máis representativos da industria láctea e alimentaria.

3,2 millóns de euros para innovación no medio rural

Precisamente a Xunta destinará un total de 3,2 millóns de euros nos anos 2016 e 2017 a apoiar iniciativas relacionadas coa innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.

A orde de axudas, que financiará proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e apoiará iniciativas piloto e o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, sairá proximamente no Diario Oficial de Galicia, trala súa aprobación este mércores no Consello da Xunta.

Novas instalacións

A planta piloto de industrias lácteas ocupa unha superficie de 575 m2 repartidos nunha área de produción, laboratorios, área de administración, sala de máquinas, vestiarios e aseos e accesos e corredores.

As instalacións e medios técnicos cos que está dotada permiten reproducir a escala reducida os procesos máis representativos da industria láctea como recepción de leite cru, termización e estandarización do leite, tanto en materia graxa, como en proteínas e extracto seco. Tamén se pode realizar nesta planta a pasteurización e homoxeneización do leite e produtos lácteos, a elaboración de queixos, de leites fermentados (iogures firmes, batidos, líquidos…) e de produtos UHT (produtos líquidos, produtos viscosos…).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información