Medio Rural convoca este luns as axudas de aconsellamento para axilizar a burocracia ás explotacións

A Consellería do Medio Rural anuncia que publicará mañá luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas de aconsellamento, destinadas a entidades prestadoras de servizos de asesoramento inscritas no Rexistro de Entidades con Servizo de Aconsellamento e Xestión en Galicia (RESAXEGA); como poden ser agrupacións de gandeiros, cooperativas ou organizacións agrarias, entre outras. O orzamento destas achegas ascende a 3 millóns de euros e prevese que beneficie máis de 3.500 explotacións a través de 40 empresas asesoras.

A finalidade desta iniciativa é a creación dun sistema que facilite xestionar e axilizar a carga burocrática e lexislativa aos axentes do sector. As cuestións obxecto de asesoramento están vencelladas con requisitos legais de xestión, coas boas prácticas agrícolas e medioambientais (BCAM) ou coas prácticas beneficiosas para o clima e o ambiente. O sistema de aconsellamento ás explotacións agrarias está regulado polo Parlamento Europeo e forma parte do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027, que pretende a evolución do sistema cara a servizos de apoio e innovación.

Nesta liña, as axudas contribuirán a mellorar a orientación do mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas a curto e longo prazo, especialmente no ámbito da investigación, a tecnoloxía e a dixitalización. Ademais, favorecen a adaptación ao cambio climático e a súa mitigación, grazas á redución dos gases de efecto invernadoiro e a captura de carbono. A maiores, impulsan a modernización das zonas agrícolas e rurais, incentivando prácticas sustentables por parte dos agricultores e gandeiros. A porcentaxe da subvención será do 100% dos custos subvencionables e o investimento máximo será de 800 euros, a excepción daquelas explotacións que empreguen o caderno dixital ou estean inscritas nas aplicacións Contaláctea ou Contacarne, que poderán optar ata un máximo de 1.000 euros de axudas.

Anteriormente, a Xunta xa convocara esta liña de axudas. Por primeira vez, no marco do PDR 2007-2013 e dirixidas concretamente a explotacións agrarias. Posteriormente, no PDR 2014-2020, os receptores das achegas pasaron a ser as entidades de aconsellamento. Como consecuencia, e tendo en conta que son as entidades as que tiñan que xustificar os traballos de asesoramento, simplificouse a burocracia para as explotacións. No PDR 2014-2020 houbo convocatorias nos anos 2018 e 2022, cun orzamento total de 6,25 millóns de euros e que beneficiaron preto de 7.500 explotacións a través de 78 entidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información