O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural para a reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas cun orzamento de 4 millóns de euros, distribuídos en 2,7 millóns para o ano 2026 e os 1,3 millóns restantes para 2027.
Estas achegas buscan adaptar as producións ás demandas de mercado, ao mesmo tempo que se incrementa a competitividade das explotacións vitícolas, se adapta o cultivo do viñedo ao cambio climático e se fai medioambientalmente máis sustentable. Coa súa aplicación favorécese a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado, adaptando as producións á demanda ao tempo que se preservan as variedades da nosa comunidade.
Así mesmo, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitivinícola galego e poténciase a remuda xeracional. Poderán beneficiarse destas achegas aquelas persoas viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente.
A superficie total reestruturada ou reconvertida deberá ser, como mínimo de 0,2 hectáreas para aquelas solicitudes que se presenten de forma individual. Mentres tanto, para aquelas que sexan solicitadas de xeito colectivo, dita superficie será de 1 hectárea. Neste sentido, as solicitudes individuais que formen parte dunha presentación colectiva terán que ter, como mínimo, 0,2 hectáreas. En todo caso, a superficie máxima elixible será de 5 hectáreas por persoa viticultora.
A axuda á reestruturación e reconversión só poderá concederse para operacións relacionadas con replantacións con ou sen sistema de condución; para a reconversión de viñedos por cambios de variedade (sobreenxertado) ou para a mellora de técnicas de xestión; así como para a replantación de viñedos cando sexa necesario por motivos fitosanitarios por orde da autoridade competente.
12 millóns de euros anuais para o sector
Estas axudas compleméntanse co resto de liñas executadas polo Goberno autonómico para impulsar este sector, consolidado como un dos piares da economía galega, para as que o orzamento ascende ata aos 12 millóns de euros anuais. Neste sentido, cómpre destacar as partidas para financiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou a súa promoción en mercados de terceiros países. Do mesmo xeito, salientan os apoios para a conservación da contorna paisaxística da Ribeira Sacra; así como para facilitar a actividade dos consellos reguladores ou impulsar programas de calidade.
Ligazón á publicación do DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260327/AnuncioG0426-160326-0001_gl.html
Galego





Control OJD