Medio Rural comprométese a triplicar as axudas para agricultura ecolóxica este ano

O conselleiro anúncialle tamén ás organizacións agrarias e ó CRAEGA un aumento dos apoios para extensificación, no marco das axudas agroambientais

Medio Rural comprométese a triplicar as axudas para agricultura ecolóxica este ano

A Xunta dotará con 9 millóns de euros anuais as axudas para fomentar a agricultura ecolóxica, empezando polas correspondentes a 2023 e deica 2027, ata un total de 45 millóns de euros para este período da Política Agrícola Común (PAC). Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, no marco da reunión mantida hoxe coas organizacións profesionais agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia -Asaga- e Federación Rural Galega -Fruga-) e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) por este motivo.

O conselleiro puxo en valor este esforzo orzamentario, que supón un incremento anual de máis do 130 % sobre o presuposto previsto inicialmente para 2023, que era de 3,9 millóns de euros, e unha subida do 183 % en relación co destinado no 2022, polo que de facto case se multiplica por tres con respecto ó pasado ano.

Neste sentido, José González trasladou que tamén se incrementará en 3,5 millóns máis anuais a partida de Extensificación das explotacións gandeiras, dentro das axudas agroambientais, dirixidas ás ganderías extensivas, “que contribúen á anticipación aos incendios forestais”.

Esta liña de achegas tamén contén un complemento de 1,5 millóns para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Desta forma, o total por ano destas axudas alcanzará os 13,65 millóns de euros (fronte aos 10,15 millóns que estaban previstos para este 2023, incluíndo dito complemento), ata un total de 68,25 millóns no conxunto do período de cinco anos.

Fondos suficientes
A partir destas cifras, o conselleiro amosou o seu convencemento de que son fondos máis que suficientes para chegar a todos os potenciais solicitantes e reafirmou o obxectivo da Xunta de que ninguén quede sen axuda. Por iso, segundo engadiu, faise un importante esforzo para dar unha resposta moi firme á espectacular evolución que está experimentando a produción ecolóxica.

Nesta mesma dirección, o conselleiro considerou especialmente importante asegurar que ningún produtor quede fóra nesta convocatoria de 2023, porque nela hai que orzamentar o compromiso de permanencia por un período de cinco anos. Este foi, ademais, un compromiso que se asumiu por parte da Xunta en sede parlamentaria e mesmo diante de todo o sector na xuntanza do Consello Agrario do pasado 16 de xaneiro.

Crecemento do sector
Con esta liña de actuación, o conselleiro sinalou que se amosa a toma de conciencia da Xunta sobre o crecemento “extraordinario” rexistrado neste sector nos últimos tempos e, de maneira sorprendente, no último ano, e que se actúa en consecuencia. Nesa liña, na última década a superficie ecolóxica inscrita en Galicia rachou todas as expectativas e aumentou un 127 % ata superar as 45.500 hectáreas no primeiro semestre de 2022. José González deu máis datos e sinalou que se pasou das 32.000 ha de comezos de 2021 a preto de 49.000 ha a 1 de xaneiro deste 2023, segundo os datos que aporta o Craega.

Por último, cabe puntualizar que se trata, en todo caso, das axudas do segundo piar da PAC (desenvolvemento rural), que incrementaron a súa contía global de 31 a preto de 40 millóns de euros no último ano. Ademais, todos os agricultores e gandeiros galegos con dereitos -tamén os que traballan en ecolóxico- van percibir as axudas directas do primeiro piar, así como as do segundo piar que corresponden ás zonas con limitacións naturais e as de razas autóctonas. Ambas tiveron tamén un incremento respecto da convocatoria anterior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información