Medio Rural comprométese a mediar coas industrias para impulsar a suba inmediata dos prezos do leite

A conselleira, Ángeles Vázquez, convocará o Consello Agrario en febreiro para impulsar un foro estratéxico do sector lácteo no que participen organizacións agrarias, industrias e distribución

Medio Rural comprométese a mediar coas industrias para impulsar a suba inmediata dos prezos do leite

Reunión entre a Plataforma e a Consellería do Medio Rural. / Arquivo.

Gandeiros e Consellería do Medio Rural comparten unha folla de ruta común sobre os pasos a dar de cara a correxir os baixos prezos do leite, segundo se constatou na reunión que mantivo a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo coa conselleira, Ángeles Vázquez, e coa directora xeral Belén Prado. Tras o encontro, celebrado en Santiago, a titular de Medio Rural foi clara e explícita en relación á demanda do sector dunha recuperación inmediata dos prezos do leite nas granxas: “Se a distribución se comprometeu a que vai repercutir un incremento de prezos na industria, tamén nos toca a nós mover ficha e imos loitar para que a industria repercuta esa suba sobre os gandeiros”.

Medio Rural comprometeuse a mediar coas industrias, se ben é partidaria de que as negociacións sexan protagonizadas polos propios gandeiros e as súas organizacións de produtores, tal e como se fixo coas cadeas de distribución. “A Plataforma trasladoume a vontade da distribución de aplicar unha suba que negociaron os propios gandeiros, e ademais teño que dicir que paréceme ben que a negociaran eles mesmos e que é un traballo que se tiña que ter feito hai tempo”, sinalou Ángeles Vázquez.

“Tócanos mover ficha e imos loitar para que a industria suba os prezos” (Ángeles Vázquez)

Inspeccións e avances normativos
A conselleira suliñou o apoio que se lle está prestando ó sector produtor con inspeccións sobre industrias, cadeas de distribución e sobre cisternas que importan leite de fóra de Galicia, de xeito que se poidan controlar posibles irregularidades.

Tamén destacou a labor lexislativa por parte do Ministerio de Agricultura. Este mes, asegura a Consellería, publicarase o decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite da industria á distribución. Estase traballando ademais nun decreto para regular a figura dos primeiros compradores (intermediarios) e este mes cóntase asimesmo con que se identifique con claridade a orixe do leite tanto no supermercado como nos envases.

“Se hai algunha industria que non aposta pola supervivencia dos gandeiros, teranos enfrente” (Óscar Pose)

Foro estratéxico
De cara a traballar no medio prazo, Medio Rural vai impulsar un foro conxunto de gandeiros, industrias e distribución co que se quere fortalecer ó sector e deseñar estratexias de futuro. O primeiro paso para a creación do foro será a convocatoria na primeira semana de febreiro do Consello Agrario, no que participan as organizacións profesionais agrarias.

Ese foro abordará tamén cuestións relativas ó movemento de terras e á mellora da estrutura agraria de Galicia.

Valoracións
A reunión da Plataforma coa Consellería foi más multitudinaria que en anteriores ocasións pola participación non só das organizacións agrarias senón tamén de gandeiros que estiveran nas protestas ante a distribución na Coruña, Deza e Lugo. Asistiron arredor de 15 persoas e o encontro, que se iniciou sobre as seis da tarde, prolongouse ata pasadas as nove da noite.

“Parécenos inaceptable que entre leite líquido de fóra en cisternas mentres aquí se manda leite para po” (Isabel Vilalba)

Tras a reunión, as organizacións agrarias incidiron nas expectativas que teñen a curto prazo en relación á recuperación do prezo do leite no campo. “Estamos aquí por algo inmediato, para que a industria nos traslade a suba de prezos que lle aplicou a distribución nas marcas brancas e para que tamén poña da súa parte no que respecta ás marcas propias da industria”, explicaba Óscar Pose, de Unións Agrarias.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, coincidiu nos mesmos obxectivos: “A medio prazo queremos un prezo sostible, pero de xeito inmediato precisamos unha recuperación dos prezos que iguale a Galicia cos prezos medios que se están pagando en España” -advertiu-. “Parécenos inaceptable que entre de fóra leite líquido e que aquí se estea mandando leite para po”, engadiu.

“Publicar decretos non é suficiente senón hai medidas executivas e xudiciais detrás” (Manuel Iglesias)

En caso de que as conversas que se manterán esta semana coas industrias non cheguen a bo porto, Óscar Pose anuncia mobilizacións inmediatas. “Industrias e produtores necesitámonos, temos que estar do mesmo lado, pero se hai industrias que queren estar doutro lado, vanse ver contra nós. Esta batalla ímola gañar”, pronostica.

O presidente da Organización de Productores de Leche, Manuel Iglesias, incidiu pola súa banda na necesidade de medidas das Administracións máis alá das lexislativas. “Publicar decretos como o que permitirá coñecer os prezos de cesión entre industria e distribución non é suficiente se esa normativa non vai acompañada de medidas executivas por parte da Administración e, de ser o caso, de medidas xudiciais”, valorou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información