Medio Rural compromete cambios nas Sociedades de Fomento Forestal

Cando haxa parcelas sen xestión enclavadas nunha Sofor, a Xunta declararaas en situación de abandono. No caso de que os propietarios sexan descoñecidos, esas fincas pasarán ó Banco de Terras

Medio Rural compromete cambios nas Sociedades de Fomento Forestal

Reunión do conselleiro coa asociación de Sofor de Galicia.

A Xunta vén de manter unha reunión coa recentemente constituída Asociación de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) de Galicia. O obxectivo do encontro era o de atender algunhas das demandas que levan anos plantexando os proxectos de Sofor que se puxeron en marcha en Galicia. Outro dos focos da reunión situouse en ver como quedan as Sofor no marco da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.

En relación ás demandas das Sofor, Medio Rural comprometeu unha serie de cambios para facilitar o seu traballo. Un dos problemas que arrastran boa parte das Sofor galegas é o dos propietarios con enclavados que deciden non entrar na Sociedade. No caso de que esas parcelas carezan de xestión (rozas, rareos, etc.), a Xunta comprométese a declarar tales superficies en situación de abandono ou infrautilización, de xeito que os propietarios poidan ser sancionados e forzados a manexar as súas terras.

Para o caso de parcelas de propietario descoñecido, a Xunta compromete a investigación da propiedade. Se non aparecesen os donos das parcelas, esas fincas pasarían ó Banco de Terras e a correspondente Sofor podería solicitar o seu aluguer, se o considerase oportuno.

Lei de Reestruturación de Terras
Na reunión, na que participaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, tamén se lles avanzou ás Sofor que o funcionamento destas sociedades encadrarase na figura de agrupacións de xestión conxunta, creada na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Medio Rural está pendente de publicar de xeito inminente un decreto que regulará o funcionamento das agrupacións de xestión conxunta.

As Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), creadas hai arredor dunha década, demostráronse ata agora limitadas para agrupar o minifundio forestal nun modelo de xestión conxunta. Un dos problemas era a superficie mínima que se esixía, 50 hectáreas, un mínimo que nas agrupacións de xestión conxunta baixa ata as 10 hectáreas.

Medio Rural considera que outra das figuras da Lei de Recuperación de Terras, a dos polígonos agroforestais, tamén pode servir para reestruturar a propiedade no interior das Sofor, de xeito que en paralelo a unha xestión conxunta de toda a superficie, haxa unha reestruturación de parcelas para reducir o minifundio orixinal.

Fiscalidade
No encontro abordouse, por último, a cuestión da fiscalidade, pois as Sofor manteñen unha fiscalidade máis gravosa que a dos propietarios individuais, xa que teñen a condición xurídica de sociedades limitadas. O conselleiro comprometeuse a continuar coas xestións diante do Goberno estatal para modificar a actual normativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información