A Consellería do Medio Rural vén de iniciar os trámites da convocatoria de 2025 das achegas para a destilación de crise. Así, o Goberno autonómico xa solicitou a información necesaria aos Consellos Reguladores, co fin de obter o volume e importe que as adegas inscritas pretenden destilar. Estes datos serán enviados á Comisión Europea, que ten a competencia de autorizar -ou non- a destilación.
Ao igual que o ano pasado, a destilación de crise estará financiada na súa totalidade a través de fondos propios da Consellería. O alcol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, incluída a fabricación de desinfectantes e produtos farmacéuticos ou enerxéticos, co fin de evitar distorsións da libre competencia.
Convocatoria 2024
Na convocatoria de 2024 destilouse viño de 15 adegas por un valor de preto de 350.000 euros e o alcol obtido empregouse para o seu uso industrial, polo tanto, non é apto para alimentación.
A destilación de crise, que foi aprobada pola Comisión Europea e financiada con fondos propios da Xunta, é unha medida extraordinaria solicitada para a DO Ribeira Sacra co obxectivo de rebaixar o stock de viño tinto almacenado polas bodegas con problemas de excedentes e para darlle saída a ese produto de varias campañas sen distorcer o mercado, tanto en cantidade como en prezo.
Esta actuación enmárcase dentro do paquete de medidas xa adoptada polo Goberno da Xunta no pasado ano -préstamos vendima, ecorrexímenes, axudas mantemento paisaxe-, ante a situación de crise de excedentes como consecuencia do descenso xeneralizado do consumo de viño tinto.