Medio Rural colabora con Asoporcel para facilitar a trazabilidade dos produtos de porco celta

Medio Rural colabora con Asoporcel para facilitar a trazabilidade dos produtos de porco celta

Mónica Freire nunha reunión con José Barrera, presidene de Asoporcel, e Iván Fernández, veterinario e director técnico da asociación

O departamento de Medio Rural da Deputación de Lugo colabora coa asociación Asoporcel para facilitar a trazabilidade e comercialización da raza de porco celta. A área dirixida por Mónica Freire financiou a adquisición de crotais para identificar os leitóns desta raza autóctona e facilitar os controis que garanten a calidade dos produtos que se comercializan coa certificación de carne de porco celta.

A deputada nacionalista explicou que “con esta actuación, apoiamos a labor que se ven desenvolvendo desde Asoporcel, tanto no que ten que ver coa conservación da raza como co fomento da comercialización dos produtos, que é clave para a sostibilidade desta actividade económica. A trazabilidade é fundamental como garantía de calidade de cara promoción dos produtos e a súa identificación por parte dos consumidores e do público en xeral”.

Mónica Freire valorou tamén “a repercusión medioambiental e social da cría desta raza autóctona, especialmente adecuada para a explotación en sistemas extensivos ao aire libre que contribúen a conservación da paisaxe a á loita contra os incendios forestais”

A colaboración articulouse a través dun convenio cun investimento de 4.000 euros da área de Medio Rural.

Apoio á produción agroalimentaria

A achega a Asoporcel súmase ás colaboracións que a área de Medio Rural ven formalizando con asociacións e entidades do ámbito agroalimentario para apoiar a comercialización dos seus produtos, co obxectivo de contribuír a paliar a incidencia que a situación sanitaria tivo nas vendas, especialmente nas orientadas á restauración.

Así, nos últimos meses asináronse convenios con Ovica para o impulso da marca “Pastores de Galicia”, coa asociación de criadores de cabalo de pura raza galega Puraga, que desenvolveu unha campaña para dar a coñecer a carne de poldro, ou coa Federación de Razas Autóctonas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información