Medio Rural cambia a normativa para poder darlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

A Consellería modifica agora as bases das axudas para industrias agroalimentarias, publicadas en xaneiro, para eliminar un artigo que especificaba que non se lle concederían axudas a industrias que fosen sancionadas por motivos graves ou moi graves pola Ley 12/2013 de la Cadena Alimentaria

Medio Rural cambia a normativa para poder darlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

Visita do presidente da Xunta a Inleit en marzo deste ano, semanas despois de que se coñecera que esta industria fora sancionada pola AICA.

En xaneiro publicouse a convocatoria autonómica de axudas para investimentos das industrias agroalimentarias, unha liña de apoios na que este ano se especificaba, por primeira vez, que “non se concederán nin pagarán axudas a solicitantes que fosen obxecto de sanción firme grave ou moi grave con base no previsto na Ley 12/2013 de la cadena alimentaria”. En resumo, a normativa excluía ás empresas que fosen sancionadas de xeito grave pola Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), encargada de velar polo cumprimento de contratos e pagos na cadea alimentaria. Pero as regras de xogo acaban de modificarse.

Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha modificación nas bases das axudas para suprimir ese artigo.

A Consellería argumenta que, “con posterioridade á publicación da orde, realizouse unha análise máis profunda dos efectos da aplicación deste novo requisito nas iniciativas empresariais do sector agroalimentario. Nesa análise, púxose de manifesto que o novo requisito podería ter consecuencias desproporcionadas para as empresas, xa que a amplitude da tipoloxía das sancións graves recollidas na Lei 12/2013 podería dar lugar a que a perda establecida da posibilidade de obter subvencións, ou o reintegro delas, constituíse unha penalización excesiva, carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida”

Por todo iso, a Xunta sinala que “co obxecto de manter a debida proporcionalidade nas actuacións, considérase aconsellable suprimir o referido requisito desta liña de axudas”.

Críticas de Unións Agrarias
A decisión de Medio Rural xerou a indignación de Unións Agrarias, que en nota de prensa tacha de “inaceptable” que a Xunta dea marcha atrás e levante o veto a que industrias sancionadas reciban axudas públicas. “Incumprir a Lei de Cadea Alimentaria seguirá sen ter apenas consecuencias para as industrias”, lamenta a organización.

Unións lembra que esta é a primeira ocasión en que se incluíu nas bases un veto expreso aos solicitantes “que foran obxecto de sanción firme grave ou moi grave nos dous últimos anos en base ao previsto na Lei da cadea alimentaria”.

Ademais, establecíase a obriga de devolver a contía percibida no caso de que os beneficiarios fosen obxecto de sanción nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda.

A organización considera que o mantemento deste veto, xunto ao endurecemento das sancións cometidas polas industrias e a publicidade das mesmas son medidas indispensables para garantir o cumprimento da Lei de Cadea.

Este primeiro trimestre do ano, cómpre lembrar que a AICA fixo pública por primeira vez unha lista de empresas sancionadas, entre as que figuraba unha industria láctea asentada en Galicia, Inleit, que semanas despois recibiu a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información