Medio Rural avoga pola redución do diferencial de prezo do leite entre Galicia e o resto de España

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse con representantes de Unións Agrarias pola súa campaña en demanda dunha revalorización do leite galego

Medio Rural avoga pola redución do diferencial de prezo do leite entre Galicia e o resto de España

Reunión entre a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e representantes desta organización e da Xunta.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse en San Caetano co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, para falar da importancia de conseguir uns prezos que fagan sostible o sector do leite.

Na reunión tamén estiveron presentes outros responsables de Unións Agrarias e, por parte da Xunta, os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Os representantes de Unións Agrarias presentaron a campaña Prezo xusto xa! para o leite galego. A conselleira, pola súa banda, explicou que a Xunta trasladoulle á industria unha liña de traballo que busca o entendemento entre todos os axentes.

“O diferencial de prezos que ten Galicia co resto de España ten que irse reducindo, porque cremos que é unha situación inxusta”, dixo a conselleira. Engadiu que “seguiremos a dialogar con todos os axentes de maneira que ese diferencial non exista, porque non debe existir”.

Tamén sinalou a Galicia como referente pola calidade do seu leite e pola súa capacidade de produción, por iso as industrias “apostaron por achegarse a Galicia e, de feito, teñen que apostar polos produtores galegos”.

A mellor maneira de lograr isto é “ofrecéndolles un prezo xusto”. Por último, remarcou que “non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco ser menos, e os produtores galegos teñen que percibir o mesmo que o resto dos gandeiros españois”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información