
O Parlamento de Galicia abordou recentemente a situación do Banco de Explotacións, un instrumento para intermediar entre explotacións que cesan a actividade e persoas interesadas en collelas para manter o seu funcionamento.
No marco da Comisión de Agricultura, Ariadna Fernández, por parte do BNG quixo coñecer se se están a cumprir os obxectivos cos que se creou o Banco de Explotacións. Nese sentido, lembrou que a intención do Executivo galego é a de ter transferidas 136 explotacións no ano 2027 a persoas que desexen incorporarse ou ampliar a actividade de parte doutras que a abandonan.
O Banco comezou a funcionar en febreiro de 2025 e tiña un orzamento de preto de dous millóns de euros. E naceu nun contexto en que por cada 12 granxas que pechan só hai unha incorporación. Fernández insistiu ademais en que “hai unha contradición entre os obxectivos do Banco e o feito de que houbera moitos problemas de cobro das axudas a incorporación de 2025″.
A deputada asegurou que, a comezos de xuño, había inscritas no Banco 15 explotacións de sectores moi diferentes.
O director Xeral de Gandería, José Balseiros, respondeu que a través das oficinas agrarias chegáronse a identificar 659 granxas lácteas con titulares entre 60 e 64 anos e outras 456 con propietarios de entre 65 e 70 anos. Sen embargo, só se recibiron 23 solicitudes de inclusión no Banco. 6 de vacún de leite, 10 de vacún de carne, 1 de cebo de porcino, 1 de galiñas poñedoras, 1 de cabrún e 4 avícolas de carne.
Balseiros recoñeceu que o Banco non está a funcionar do xeito que se agardaba. Pero, aclarou, moitas veces prodúcense transferencias de granxas entre veciños sen pasar polo Banco. Ou “creouse a idea inxustificada de que esta ferramenta é un mecanismo de control fiscal. Contra eso pouco se pode facer por moito que o expliquemos”.
Noutros casos hai a vontade de transferir a granxa a través do banco pero legalmente non é posible. Por exemplo, se a explotación está debaixo dunha vivenda. Pero, asegurou, “non queda nin unha cabeza de gando nin unha leira das explotacións que pechan que non sexa aproveitada por outros profesionais do sector primario”.
Hai diferentes causas que explican que o Banco de Explotacións non acabe de funcionar. Por eso imos dotalo de máis axudas (José Balseiros, Director Xeral de Gandaría)
Por eso, o director Xeral anunciou que se van incrementar ata un máximo de 30.000 euros as axudas tanto ás persoas que desexan transferir unha explotación como as que desexan incorporarse á actividade. Dese xeito confían en revitalizar o Banco.
Plan Estratéxico do Leite
Ariadna Fernández preguntou tamén polo grao de execución do Plan estratéxico do sector lácteo galego 2020-2025. Lembrou as diferencias entre o prezo que reciben polo seu leite os gandeiros galegos e os do resto do Estado.
Fernández asegurou que o Plan Estratéxico do Sector Lácteo Galego 2020-2025, malia tratarse dun documento moi profuso, “non está a solventar nin o problema de prezos baixos, nin a entrada de cisternas de leite procedentes doutros territorios nin o conseguinte peche de explotacións.”
A deputada nacionalista indicou que o texto do Plan recolle problemas estruturais como escasa base territorial, a dependencia excesiva de insumos externos ou a escaseza de datos fiables sobre os custos de produción das granxas. Tamén lamentou que o Observatorio do Leite pasase de reunirse trimestralmente a reunirse só unha vez ao ano e reclamou máis formación empresarial e técnica para as explotacións.
O Plan Estratéxico do Leite non está a resolver o relevo xeracional, os prezos baixos en orixe e a orientación a produtos de pouco valor engadido (Ariadna Fernández)
Os baixos niveis de proteína e graxa no leite galego e a súa orientación produtos de escaso valor engadido son, segundo o BNG, outras eivas do sector. Así como un parque de maquinaria excesivamente grande e infrautilizado e unha posición de debilidade á hora de negociar dos gandeiros fronte á industria.
A parlamentaria do BNG tamén detecta problemas na industria, da que di que depende en exceso do mercado estatal e que está centrada na produción de bricks sen analizar produtos de maior valor no mercado. No caso da distribución, apuntou a falta de identificación dos produtos galegos para informar os consumidores.
Na súa resposta, o Director Xeral puntualizou que a produción de leite galego aumentou entre 2020 e 2025 nun 10% pasando de 2,8 a 3,1 millóns de toneladas e a porcentaxe de explotacións galegas no conxunto do estado mantívose nun 56% malia os peches. E sinalou que o cremento produtivo de Galicia (+0,52%) en 2024 contrarrestou a perda que houbo no resto de España (-0,45%).
Balseiros recoñeceu que Galicia perdeu no último ano 280 explotacións leiteiras, cunha caída do 5,43%. Pero sinalou que en comunidades tradicionalmente leiteiras como Cantabria ou Asturias a perda de granxas foi superior ao 6%.
O sector leiteiro galego aumenta a produción e está a soportar mellor os problemas estrurais que os doutras comunidades (José Balseiros)
Outro dato sinala que o tamaño medio das explotacións galegas e da metade da media do resto de comunidades. Así a media de produción por granxa en Galicia foi de 625.000 quilos de leite fronte aos 1.1320.000 de España. Eso xustificaría, dixo Balseiros, o menor prezo do leite galego porque as industrias premian as grandes recollidas que reducen gastos en transporte.
Balseiros citou a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-2025 da Xunta de Galicia, que concluía que o sector galego é unha potencia dentro de Europa pero ten que adaptarse aos cambios lexislativos, medioambientais, de demandas dos consumidores e de evolución dos mercados. E citou as accións que a Xunta está a desenvolver nese sentido con gandeiros, organizacións sectoriais e industria.
Galego







Control OJD