Medio Rural asegura que esta semana pagará o 90% das axudas directas da PAC e o 100% das achegas a zonas con limitacións naturais

RURAL ENSILANDO HERBA MONTEDERRAMO 1O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico vai pagar “esta mesma semana” o 90% “das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) que faltaban por ingresar” aos gandeiros e agricultores galegos. Trátase de 99,3 millóns de euros.

Este saldo corresponde ao resto das axudas directas da PAC que non se aboaron no anticipo realizado na segunda quincena do mes de outubro e inclúe tamén o 20% que faltaba por pagar naquelas liñas en que xa se anticipara unha parte da axuda. Tamén se vai realizar o pagamento do 100% das axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN), é dicir, outros 17,3 millóns de euros.

O presidente da Xunta asegurou que “estes pagamentos da PAC desta campaña en Galicia suporán un desembolso de preto de 117 millóns de euros, que beneficiarán arredor de 23.000 agricultores e gandeiros”.

Rueda salientou a “axilidade” da Xunta co pago “das axudas directas, que son as máis importantes da PAC” e lembrou que o resto de achegas se irán pagando progresivamente nos vindeiros meses.

A regulamentación comunitaria establece que os pagamentos da PAC poden comezar a realizarse a partir do día 16 de outubro de cada ano. O prazo para proceder ao pagamento do resto das axudas directas da PAC a través do fondo agrario Feaga, o pagamento do saldo, comeza o día 1 de decembro de 2024, de maneira que todas as axudas deberán estar pagadas, como máis tarde, o 30 de xuño de 2025. Galicia, segundo lembrou Rueda, “adiantou un mes” o pago da primeira parte das axudas directas ao pasado mes de outubro cando se ingresaron “43 millóns de euros”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información