Medio Rural aproba este xoves a resolución das axudas de silvicultura

As subvencións, dotadas de 11 millóns de euros, financian tarefas como podas, rareos e rozas

Medio Rural aproba este xoves a resolución das axudas de silvicultura

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou esta mañá que o Consello da Xunta do próximo xoves aprobará a resolución das axudas de tratamentos silvícolas, convocadas o pasado xaneiro. As subvencións de silvicultura contan cun total de 11 millóns de presuposto e oriéntanse a dúas liñas, unha de prevención de lumes, na que se apoia a execución de podas, rozas e rareos en masas de piñeiro, co obxectivo de reducir o combustible forestal; e unha segunda de accións de mellora ou rexeneración en masas de frondosas caducifolias, coma os castiñeiros.

Parte das axudas van ligadas á anualidade 2017 e outra parte á campaña 2018. Desde o sector forestal bótase en falta que a resolución das axudas non chegara con anterioridade, pois a anualidade 2017 da liña ligada a tratamentos silvícolas de prevención de lumes será executada pasado o verán. Diversos colectivos forestais advertiran tamén recentemente do retraso dos traballos que está a executar de xeito directo a Xunta en prevención de lumes.

Pola súa parte, a conselleira, Ángeles Vázquez, que anunciou a aprobación das axudas esta mañá nunha entrevista na Radio Galega, quixo poñer en valor o feito de que a anualidade 2018 poderá estar executada antes da próxima campaña de lumes.

Problemas coa seca
Cuestionada na entrevista da Radio Galega pola situación da seca que se está a vivir en especial en Ourense, a conselleira sinalou que está disposta a financiar pozos e traídas de augas para paliar a falta de auga tanto nas montañas orientais de Lugo como de Ourense.

Desde o sector agrario véñenselle tamén reclamando axudas directas á Administración para facer fronte ós gastos extra que está a haber na alimentación do gando pola carencia de pastos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información