A Xunta apoia a posta en marcha da Agrupación Forestal de Xestión Conxunta Vigo-Sur, na parroquia viguesa de Saiáns. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo a pasada semana unha reunión informativa con titulares de montes da zona, para explicarlles as vantaxes desta figura e trasladarlles que se van beneficiar dunha axuda xestionada pola Consellería do Medio Rural para fomentar este tipo de agrupacións. Chan valorou o interese espertado por esta iniciativa, nun acto no que os titulares dos terreos asinaron xa a súa adhesión á agrupación forestal.
O recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta pretende favorecer a xestión conxunta e sostible do terreos forestais, a súa recuperación e impedir o seu abandono, favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta, servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e adaptación contra o cambio climático, ademais da creación de emprego e aumenta da calidade de vida no medio rural.
Precisamente para fomentar a creación destas agrupacións, a Consellería do Medio Rural convocou axudas para accións de fomento e apoio a estas entidades, unha liña que foi aproveitada por esta agrupación viguesa para a súa posta en marcha. Esta convocatoria está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica; concretamente, contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do eixe III 1.2 do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.