Medio Rural aplica bioestimulantes e sulfato cuprocálcico nos piñeirais afectados polas bandas

A enfermidade, que afecta ás masas de piñeiro radiata, mantén o seu avance en Galicia, beneficiado por unha primavera cálida con choivas e brétemas

Medio Rural aplica bioestimulantes e sulfato cuprocálcico nos piñeirais afectados polas bandas

Tratamento a piñeirais de Lugo no 2021. / Arquivo.

Os fungos das bandas do piñeiro, que comezaron a manifestarse con maior forza en Galicia no 2021, continúan a dar problemas nas masas de piñeiro radiata, localizadas na comunidade principalmente na provincia de Lugo e, en menor medida na Coruña e Pontevedra. Ante esta situación, a Xunta este ano está a desenvolver tratamentos tanto nos montes veciñais con convenios como nos seus montes patrimoniais, incluíndo hortosementeiros de piñeiro radiata.

As bandas causaron nos últimos anos un forte impacto no País Vasco e noutras comunidades da Cornixa Cantábrica, como Asturias, con piñeirais moi afectados por defoliación e mortandade de pés.

A expansión da banda vermella e da banda marrón a Galicia agudizouse nos últimos anos. Medio Rural explica que este avance débese “ás condicións climáticas, de maneira que estes últimos anos, que resultaron ser moi cálidos, con baixa intensidade dos ventos do nordés ligados a presenza de anticiclóns, e presenza de choivas e brétemas persistentes, fixeron que o patóxeno prospere con forza”.

Ante ese escenario, a Consellería subliña a necesidade de manter unha axeitada silvicultura nas masas de piñeiro radiata, “de acordo cos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia”. Eses modelos, que establecen as podas e rareos que debe ter a masa ao longo da súa quenda, contribúen a lograr piñeirais máis ventilados, onde o impacto dos fungos poida ser máis controlado.

Tratamentos en montes públicos e con convenio
En paralelo, Medio Rural está desenvolvendo tratamentos en montes públicos e montes veciñais con convenio. Os tratamentos oriéntanse por dúas vías.

En primeiro lugar, aplícase un produto comercial con materia activa baseada no sulfato cuprocálcico 12,4 %, autorizado polo Ministerio de Agricultura para piñeiro e con rexistro de agricultura ecolóxica.

En segundo lugar como complemento, estanse a ensaiar bioestimulantes e abonos foliares que conteñen fósforo, potasio, magnesio ou zinc, silicio, manganeso, cobre e outros activadores deseñados para estimular o metabolismo da planta, aumentar a fotosíntese e reducir o estrés.

Esta primavera, tamén colectivos forestais, como a Asociación Forestal de Galicia, están a aplicar tratamentos nos montes dos seus socios. O mesmo fixo a empresa Finsa nos montes que xestiona.

Busca de pés resistentes
De cara ó futuro, a Consellería valora tamén a posibilidade de traballar na obtención de pés resistentes ás bandas. Para iso está valorando en monte as masas afectadas e xeorreferenciando os pés que, nas masas gravemente afectadas, amosen características de resistencia á enfermidade. O obxectivo é abrir nun futuro unha liña de mellora xenética do piñeiro radiata que inclúa a resistencia ás bandas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información