Medio Rural anuncia unha unidade para fomentar o movemento de terras

A Consellería proponse impulsar o traspaso de base territorial das explotacións que finalicen a súa actividade. Ángeles Vázquez mantén un novo encontro co presidente da Inteprofesional Láctea

Medio Rural anuncia unha unidade para fomentar o movemento de terras

A nova unidade integrará persoal e recursos de distintos organismos da Consellería.

A Consellería do Medio Rural anunciou a creación dun novo órgano para fomentar o traspaso de terras entre as explotacións lácteas e de carne que abandonan a actividade e aquelas que queren aumentar a súa base territorial. A comunicación da posta en marcha da iniciativa fíxose tras unha nova reunión entre a conselleira do Medio Rural e o presidente da Interprofesional Láctea, José Ángel Tellado, que estivo acompañado de parte da súa directiva.

A nova entidade anunciada pola Consellería levará o nome de Unidade de asesoramento e xestión de explotacións e funcionará como ente transversal dentro da Consellería, integrando persoal e recursos do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e do Banco de Terras.

A unidade, segundo indica a Consellería, mediará entre particulares para favorecer e dar seguridade xurídica á compra ou aluguer da superficie útil das explotacións, así como das súas instalacións e equipos, por parte de titulares de granxas que precisen incrementar os seus recursos.

A conselleira, na liña das demandas reiteradas do sector, situou a mellora da base territorial como un dos elementos clave para dotar de rendibilidade ás explotacións lácteas, a través dunha diminución dos custos pola menor dependencia de insumos externos (esencialmente pensos para a alimentación do gando).

Encontro coa Interprofesional
O novo encontro coa Interprofesional Láctea tiña como obxectivo avanzar nas liñas de traballo abertas para procurar unha maior estabilidade para o sector, segundo sinala a Consellería en nota de prensa. Entre os temas abordados, figuraron cuestións como as futuras normativas que prepara o Ministerio sobre a identificación da orixe dos lácteos ou a regulación dos primeiros compradores. Tamén as campañas de promoción do consumo que prepara a Interprofesional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información