A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou que se convocará unha nova edición da poxa de exemplares de Rubia Galega a finais de ano no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A poxa levarase a cabo se se cumpren as condicións hixiénico-sanitarias necesarias. O anuncio fíxoo durante a súa visita ao CIAM.
A titular de Medio Rural explicou que na primeira edición, celebrada antes do verán, adxudicáronse máis de medio cento de exemplares de vacas de Rubia Galega, destinadas a reprodución. Neste sentido, adxudicáronse a totalidade dos animais a 13 explotacións, divididos en 42 lotes, con xovencas nadas entre 2021 e 2022, con ou sen cría.
Tamén salientou os bos resultados do evento, que chegou a superar nun 18 % o seu prezo de saída, acadando algo máis de 94.000 euros totais, que se empregarán para seguir afondando na investigación e mellora desta raza autóctona.