A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, vén de expoñer no Parlamento as principais liñas de traballo que deseñou para o seu departamento. Gómez destacou a posta en marcha dun Plan de formación, asesoramento e titorización destinado a afianzar o futuro do rural galego e a favorecer a remuda xeracional. Este plan, que busca fortalecer a conexión dos mozos e novos incorporados coa realidade laboral agraria, abarca tamén a formación de profesionais xa establecidos e o persoal das oficinas rurais.
A iniciativa integrará esforzos con outras consellerías, como Educación e Emprego, para expandir as oportunidades de formación práctica e crear unha rede robusta de traballadores potenciais para o agro, prestando especial atención aos galegos retornados do exterior. Gómez tamén destacou a implementación do Banco de explotacións neste ano, unha ferramenta clave para a desconcentración económica e a diversificación, que facilitará o asentamento de novos e actuais produtores en áreas tradicionalmente agrícolas.
Terra e usos agroforestais
No ámbito da terra, a conselleira avanzou que nos próximos meses estará rematado o Mapa de Usos Agroforestais de Galicia, que será aprobado no 2024. Este mapa proporcionará unha visión detallada dos usos actuais dos terreos e será unha ferramenta esencial para a planificación e a investigación futuras.
En canto ás concentracións parcelarias e ás novas figuras da Lei de Recuperación de Terras, como polígonos agroforestais e aldeas modelo, Gómez subliñou que manterá a actual estratexia, co compromiso de iniciar unha nova concentración por cada unha que se remate.
Ámbito forestal
No tocante á cuestión forestal, a conselleira anunciou que este ano levará ó Parlamento a nova lei de montes veciñais e sinalou tamén que seguen traballando nunha nova lei de loita integral contra os incendios forestais.
A nivel de prevención de incendios, marcouse o obxectivo de habilitar o próximo ano 50 novas áreas cortalumes, cun total de 5.000 hectáreas.
Innovacións
En canto a próximas innovacións, a conselleira sinalou que a Consellería porá en marcha un sistema de alertas sanitarias, animais e vexetais, baseado en intelixencia artificial.
Como novidade para os plans de mellora do 2025, Gómez avanzou tamén que se financiarán “valados virtuais“, que permiten manter o gando en determinadas parcelas por medio da xeolocalización.
Central de compras alimentaria
No que respecta a cuestións alimentarias, a conselleira anunciou a celebración de 7 grandes feiras nas 7 grandes cidades galegas para promocionar os produtos galegos de calidade. En cuestións do día a día, a Consellería sinala que traballa nunha central de compras, en fase piloto, para apoiar a comercialización dos pequenos produtores.